Novas

Máis novas

Teatro, cinema e música para toda a familia no Outono Cultural de Melide

07/10/2020. O Outono Cultural albergará unha programación con diferentes actuacións que terán lugar no centro sociocultural Mingos de Pita da vila con entrada de balde, previa inscrición. A capacidade por mor da Covid-19 é limitada

MELIDE 7 de outubro de 2020.-O Concello de Melide dará comezo esta vindeira fin de semana á programación do Outono Cultural que se celebrará ao longo de todas as fins de semana do mes de outubro e que previsiblemente terá continuidade nos meses de novembro e decembro, sempre que as condicións sanitarias o permitan.

O Outono Cultural comezará este domingo ás 19h. coa compañía Contraproduccións que poñerá en escea “A compañeira de piso”, será unha obra de teatro dirixida a público adulto. A quenda para o público familiar será o luns 12 de outubro coas compañías Isla Letriska, Mago Teto e Desastronauts que presentará en Melide ás 18h. Pistactiva: Combinado de circo galego.

As actuacións para toda a familia continuarán o domingo 18 de outubro ás 18h da tarde con Outono e Diversión, un concerto de María Faltri e Jorge Juncal. O sábado 24 de outubro chegará a música local ao Outono Cultural co grupo Cuarta Xusta, que poñerá a banda sonora co seu concerto ás 20.30h.

Xa o sábado 31 de outubro, ás 20.30h. terá lugar o visionado do filme María Solinha, xunto cunha presentación e posterior coloquio con Ignacio Vilar.

Tamén haberá lugar para as exposicións; dende o 23 de outubro e ata o 9 de novembro a sala destinada ás diferentes mostras acollerá a exposición do XIV Premio Luis Ksado de Fotografía. Poderá visitarse en horario de tarde dende as 17h. e ás 20.30h.

Para poder asistir ás actividades do Outono Cultural será necesario inscribirse previamente no 981 50 50 03 ou no correo electrónico reservasculturais @concellodemelide.gal.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp