Novas

Máis novas

Deporte, teatro e música entre as actividades da programación do Nadal

05/12/2019. O Concello de Melide programa actividades durante todo mes de decembro e a primeira semana de xaneiro, dirixidas a grandes e cativos para que a veciñanza poida gozar de tempo de ocio sen saír da vila nestas datas de nadal

MELIDE 5 de decembro de 2019.- O Concello de Melide, dende a súa concellería de Cultura pon en marcha un amplo programa de actividades que comezan mañá venres ás 18h da tarde na praza do Convento co acendido do alumeado de nadal, onde estarán presentes membros do equipo do goberno local e todos aqueles veciños e veciñas que queiran dar o pistoletazo de saída á época de festas, celebracións e encontros destas datas.

A actividade de nadal en Melide continuará o mércores 11 de decembro coa exposición “O Fin do Camiño” que chegará á casa da cultura da vila e poderase visitar en horario de 16.30h a 21h ata o 18 de decembro.

O sábado 14 de decembro chegará á casa da cultura a obra de teatro “Nadal polo norte” da escola de teatro municipal e o venres 20, os protagonistas neste mesmo lugar será o alumnado e profesorado do conservatorio da vila. Xa o domingo 22 de decembro, e como ven sendo habitual ano tras ano, a Coral Polifónica organiza o seu tradicional concerto de panxoliñas de nadal.

Como unha das novidades da programación deste ano, visitará Melide o monologuista J.J. Vaquero o sábado 28 de decembro ás 20.30h na casa da cultura para dar paso aodía seguinte, 29 de decembro á programación infantil con Pavillón Lino.

O ano rematarase en Melide como é habitual coa tradicional San Silvestre que comezará ás 16.30h na praza do Convento e que estará organizada pola Asociación Deportiva Cerne.

Xa no mes de xaneiro, a maxia con Cayetano Lledó e diferentes orbradoiros ocuparán o tempo de ocio das familias da vila.

A programación de nadal rematará coa Gala da campaña da Asociación de Empresarios da Terra de Melide “Este Nadal Toca en Melide” que terá lugar na casa da cultura ás 20.30h o 10 de xaneiro.

ACTIVIDADES INFANTÍS

O Concello de Melide poñerá en marcha durante os meses de decembro e xaneiro talleres e obradoiros dirixidos aos máis cativos como “A busca do apalpador” un xogo de pistas pola zona vella que terá lugar o luns 23 en horario de mañá, o taller “A fábrica dos xoguetes” o xoves 26 ou obradoiro “Eco-Adornos” o venres 27.

Alternativa novidosa será “Xa veñen os reis” cunha lanterna de reis e unha xincana de nadal, un obradoiro de repostaría de Nadal unha festa de prefin de ano ou unha tarde no parque de inchables. Actividades para as que é necesario realizar unha inscrición previa no Concello de Melide no seu departamento de Cultura.

ACTIVIDADES NO CENTRO SOCIAL

Os máis maiores tamén gozarán de actividades no centro social, xa que como é habitual terán unha celebración especial para despedir o ano o día 29 de decembro coa música de Suso de Boente e o luns 6 de xaneiro para festexar o día de Reis.

Ao mesmo tempo, tamén se puxo en marcha a campaña de recollida solidaria de xoguetes, as persoas que queiran participar poderán facer as súas entregas no centro social da vila.

UN BELÉN VIVINTE RECIBIRÁ AOS REIS MAGOS NA CASA DA CULTURA

Grazas á colaboración da Asociación Cultural Charamela de Melide, un belén vivinte recibirá aos Reis Magos na casa da cultura de Melide o domingo 5 de xaneiro. As tres maxestades de Oriente percorrerán as rúas de Melide dende as 18h da tarde.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp