Novas

Máis novas

O Concello traslada ao xulgado o problema dos vertidos ao Furelos

07/08/2019. A contundencia dos informes técnicos e xurídicos xunto coa continuidade das verteduras obrigaron ao selado das conexións á rede de saneamento das empresas sinaladas pola Consellería de Medio Ambiente como responsables dos feitos

MELIDE 7 de agosto de 2019. - O Concello de Melide vén de presentar unha denuncia ante o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Arzúa para trasladarlle a problemática dos vertidos procedentes do polígono industrial da Madanela por se fosen constitutivos dun delito medioambiental. A posta en coñecemento da autoridade xudicial deste vello problema é unha decisión adoptada polo goberno municipal ao fío da vertedura que o pasado 12 de xullo causou a mortaldade de 10.000 peixes no río Furelos. Ante a alarma social que en toda a comarca xeraron os feitos, que de xeito directo tamén afectaron ao municipio de Santiso, en vista de que as empresas identificadas pola Consellería de Medio Ambiente como causantes dos vertidos fixeron caso omiso dos requirimentos feitos polo Concello de Melide que lles instou a adoptar medidas urxentes para o cese inmediato destes, e dada a súa continuidade, constatada, entre outros controis, pola Policía Local en informes diarios, o Goberno municipal viuse obrigado non só a presentar denuncia senón tamén a precintar as conexións das devanditas empresas á rede de saneamento do parque empresarial que xestiona Xestur no municipio melidense.

As citadas actuacións poñen de manifesto que o Goberno de Melide, con apenas dous meses ao fronte do Concello, é o primeiro dos últimos mandatos en adoptar medidas contundentes de cara á resolver de xeito eficaz o endémico problema que está a sufrir o leito fluvial do Furelos. Con ese propósito, solicitarase un encontro urxente coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, para abordar dende a colaboración unha solución. 

Recentemente, o alcalde melidense, José Manuel Pérez, acompañado polos seus homólogos de Santiso, Manuel Adán, e de Toques, Miguel Buján, reuniuse coa conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, co fin de solicitarlle apoio para resolver o problema. Con todo, os resultados do encontro non foron satisfactorios para o interese e o ben común dos veciños da Comarca, e tampouco para defensa do seu gravemente danado leito fluvial. Lembra o rexedor de Melide que «esa reunión de traballo en San Caetano foi pouco produtiva, sen proposta de solución ningunha por parte da conselleira Ángeles Vázquez, que se limitou a botarlle a culpa ao Concello da problemática». 

Dende o goberno municipal apelamos á responsabilidade e compromiso de todas as administracións na adopción inmediata de medidas encamiñadas a poñerlle fin a un continuado maltrato ao noso medio natural. 

Conscientes da importancia e da gravidade da situación, o Goberno melidense adoptará canta medida estea ao seu alcance para avanzar nese camiño. Lembra o actual executivo municipal que «isto non é algo novo, xa que a falta de saneamento no polígono industrial leva sendo un dos principais problemas para Melide dende o ano 2003, e obxecto de igual número de promesas que de incumprimentos dende o ano 2011 ata a actualidade, tanto dende o goberno do Concello como dende o goberno da Xunta de Galicia, mediante anuncios que nunca se cumpriron e si aumentaron a gravidade da situación co paso do tempo»




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp