Novas

Máis novas

O Concello de Melide coñece as novidades da Campaña de Desbroces 2018

26/02/2018. A alcaldesa de Melide, Dalia García, mantivo unha xuntanza de traballo coa xefa do Distrito de Ordes, María José Prado e técnicos, para coñecer as novidades da vindeira Campaña de Desbroces 2018 e facer balance dos datos do pasado ano

MELIDE 26 de febreiro de 2018.- A alcaldesa de Melide, Dalia García, mantivo unha xuntanza de traballo na mañá de hoxe coa xefa do Distrito Forestal de Ordes, María Prado e dous técnicos para coñecer de primeira man as novidades da Campaña de Desbroces 2018. Así, o Concello de Melide foi coñecedor no día de hoxe dos traballos que terán que realizar as entidades locais de cara a esta campaña, tanto nos traballos mecanizados como nos manuais.

BALANCE 2017

Ao mesmo tempo, nesta xuntanza de traballo tamén se realizou un balance das tarefas feitas en materia de seguridade forestal na campaña do ano pasado. A rexedora melidense apuntaba que “o ano pasado contamos con tres brigadas, dúas en temporada de verán e unha de prevención de cara o outono que rematou o 20 de novembro”.

Tanto o goberno municipal como o propio Distrito Forestal de Ordes, coinciden en que os datos da campaña pasada son positivos en canto ao cumprimento de hectáreas desbrozadas por compoñente de brigada, e fixeron especial fincapé, na necesidade de seguir traballando conxuntamente e con anterioridade as épocas de maior seca en Galicia para previr incendios forestais. Ao mesmo tempo, Dalia García, engadía que “é totalmente obrigatorio que concellos e administración traballemos da man xunto coa Consellería de Medio Rural, anticipándonos a posibles situacións de risco, como xa fixemos na tempada anterior o que redunda nunha maior seguridade e prevención de lumes intencionados”.

 




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp