Novas

Máis novas

Melide celebra outro Nadal Máxico para despedir 2021 con cultura e espectáculos para toda a familia.

09/12/2021. O Nadal chega a Melide cunha completa programación que se estende durante todo decembro e parte de xaneiro. Alén da tradicional Cabalgata de Reis e luces de Nadal, Melide celebrará estas datas cunha completa programación de teatro, monicreques, concertos e maxia para todos os públicos.

MELIDE 9 de decembro de 2021.- O Concello de Melide pon en marcha un completo programa de actividades durante todo o mes de decembro e comezos do mes de xaneiro para celebrar as festas do Nadal cunha oferta ampla e variada para toda a veciñanza. Teatro, monicreques, concertos, contacontos, e, por suposto, as tradicionais Cabalgata de Reis e Belén Artesán conforman unha programación coa que o Concello quere pór o broche ao ano con moita animación e bo humor.

A Cabalgata de Reis percorrerá as rúas da vila o 5 de xaneiro a partir das 18h. O percorrido anunciarase antes desa data. Pola súa banda, o Belén Artesán xa está instalado e pode visitarse ata o 9 de xaneiro na Casa do Concello, entre as 8.30h e as 20h. As luces de Nadal, que alumearán o municipio enchéndoo de cor durante estas festas, foron acendidas o pasado domingo, 5 de decembro.

A programación cultural arrincou tamén o día 5, coa representación da obra para todos os públicos 'Lolo&Mamá' no Centro Sociocultural Mingos de Pita. O vindeiro sábado, día 11, volve o teatro ao mesmo espazo con 'Bravas', de Isabel Risco, ás 20h. Posteriormente, o domingo 19, representarase a obra 'Crónica dunha heterosexual insatisfeita' ás 20h no mesmo lugar. Todas as obras de teatro están orientadas para todos os públicos.

Os espectáculos de monicreques tamén terán o seu espazo na programación natalicia. O domingo 12 representarase 'O Apalpador e a nena sen medo' no mesmo Centro sociocultural ás 18h. O 27 de decembro, luns, representarase 'A toupiña que quería saber...', tamén ás 18h. O 8 de xaneiro, sábado, será a vez de 'Un nadal cheo de contos', ás 18h. Todos eles son espectáculos de monicreques orientados ao público infantil e familiar.

O domingo 26 de decembro o Centro Sociocultural Mingos de Pita acollerá un divertido e novidoso concerto a cargo de 'Coro Encaixe'. Será ás 20h. O martes 28 ás 17h o mesmo lugar será escenario da Demostración das Escolas Culturais de Teatro, Ballet e Baile Moderno. 

 

 

 

O Pazo de Congresos acollerá dúas festas para socios do centro social neste Nadal. O domingo 26 de decembro, ás 17h, a Festa de Nadal contará coa actuación de 'Son Remolino'. O domingo 2 de xaneiro, ás 17h, celebrarase a Festa de Ano Novo con Suso Boente.

Os primeiros domingos de xaneiro chegarán cargados de maxia a Melide. O día 2 Dani Polo ofrecerá un espectáculo de maxia para todos os públicos ás 20h no Centro Sociocultural Mingos de Pita. O día 9, ás 19h, o mesmo lugar servirá como escenario para 'No Nadal toca... maxia', tamén orientado a todos os públicos.

O Cantón de San Roque acollerá entre o 29 de decembro e o 9 de xaneiro a programación de 'A Casiña Máxica dos Contos'. O día 29, mércores, abrirá a programación 'O Peirao' con pases ás 17h, 18h e 19h. O xoves 30 estará Pedro Brandariz ás 17h, 18h e 19h. O domingo 2 de xaneiro será a vez de Caxoto ás 12h e 13h. Ao día seguinte, luns 3, estarán 'Rilo&Penadique' ás 17h, 18h, e 19h. O martes 4 de xaneiro actuará Raquel Queizás ás 17h, 18h e 19h. Por último, o domingo 9, ás 12h e 13h, será a vez de 'Xarope Tulú'. En todos os casos, a entrada será libre e por orde de chegada ata completar aforo.

 

 




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp