Novas

Máis novas

Melide aproba unha Relación de Postos de Traballo que prima a eficacia, a axilidade e a accesibilidade da administración local para prestar un mellor servizo á cidadanía.

03/12/2021. . A nova RPT sae adiante co voto favorable do grupo de Goberno e co apoio unánime da representación sindical. Divide o organigrama municipal en sete areas e harmoniza os gastos en materia de persoal coa creación de novos postos para atender ás novas inquedanzas e necesidades cidadás.

O Pleno Ordinario do Concello de Melide celebrado na tarde do 1 de decembro aprobou de maneira inicial, cos votos a favor dos grupos de Goberno local e o voto contrario do Partido Popular, a nova Relación de Postos de Traballo para o Concello de Melide. A RPT procura afondar na eficacia da administración municipal, apostando pola axilidade na atención, o reforzo dos servizos e a accesibilidade aos mesmos para toda a veciñanza de Melide.

A proposta aprobada onte contempla a división do organigrama municipal en seis grandes áreas, xunto á Alcaldía. Estas áreas son a Xestión Administrativa; a Xestión Económica; Contratación e Persoal; Urbanismo, Obras e Servizos; Acción Social, Igualdade e Emprego; e Cultura e Deporte. Estas áreas funcionais rexeranse por unha Dirección administrativa. Ademais, a Radio Municipal e a Policía Local dependerán da área da Alcaldía.

A nova RPT, que virá substituír á vixente dende o ano 2006, foi consensuada con todos os grupos que conforman a representación sindical do persoal municipal -CSIF, CCOO e CIG-. É froito dun acordo unánime de todas as partes e o documento inicial foi redactado e seguido pola Fundación Universidade da Coruña a través dun contrato menor de 14.500 euros.

O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, agradeceu o “talante dos sindicatos e dos compañeiros do Concello” para facer posible esta nova RPT. Igualmente, o alcalde aseverou que a administración local ten a obriga de dar exemplo no tocante ás condicións de traballo e retribución do mesmo, apostando pola “estabilidade laboral e os salarios dignos”.

Unha RPT para afrontar con dinamismo a realidade local

Durante o debate, o segundo tenente de alcalde do Concello de Melide, Xosé Igrexas, defendeu a proposta sinalando que a mesma permitirá distribuír a adaptar o traballo da Administración local “ás esixencias dinámicas e cambiantes da sociedade melidense”. Dende o punto de vista do cadro de persoal, puxo en valor sete diferenzas que afastan “claramente” esta nova RPT da súa predecesora: por unha banda, inclúe todos os postos de traballo estrutural que satisfán necesidades permanentes do Concello, e, por outra, consagra a funcionarización dos postos de traballo do persoal laboral, caso dos postos de traballo social, educación familiar ou técnicos de administración xeral e urbanística. Ademais, a nova RPT elimina os postos de auxiliar administrativo C2 con vistas a unha promoción interna ao C1 Que “incremente a capacidade técnica do persoal para afrontar os retos dunha administración máis complexa e dixitalizada”, salientou Igrexas.

O segundo tenente de alcalde tamén destacou que na valoración dos postos de traballo e na determinación das súas retribucións seguirase un método que favoreza unha valoración homoxénea. Do mesmo xeito, a nova Relación de Postos de Traballo creará prazas novas coma a de técnica ou técnico de Medio Ambiente e, a fin de cumprir coa obriga legal, unha Xefatura da Policía Local.

Por último Xosé Igrexas indicou que a nova RPT limita ao mínimo legalmente obrigado a provisión por medio de libre designación e “garante os dereitos adquiridos do persoal”. Defendeu que na súa elaboración primaron “a eficacia, a axilidade e a accesibilidade da administración local para toda a veciñanza, viva onde viva e sexan cales sexan as súas condicións”.

O primeiro tenente de alcalde de Melide, José A. Prado, asegurou na súa intervención que con esta nova RPT o Concello “vela polos intereses de Melide e cumpre coa lexislación”. Prado lembrou que o programa electoral dos grupos de Goberno, Adiante Melide e PsdG-PSOE, estipulaba a necesidade de “recoñecer e dignificar o traballo do persoal do Concello de Melide”, que viña sufrindo “agravios absolutamente escandalosos e inxustificados”. “A RPT de 2006 nin respondía a estes criterios nin resolvía os problemas”, considerou.

Prado asegurou que a nova RPT harmonizará gastos “moi esaxerados” e defendeu a “normalidade” de crear novos postos de traballo para unha “administración eficiente” ante os cambios na sociedade. Así, puxo como exemplo a praza de técnica ou técnico de medio ambiente ante “as regulacións a facer en materia de vertidos, de talas forestais ou de sostibilidade”. “Melide debe estar á vangarda e para ese obxectivo esta RPT está plenamente lexitimada”, defendeu.

Pola súa banda, a portavoz do Partido Popular, Dalia García, sinalou a presenza de “eivas” na proposta. García sinalou o aumento en gasto de persoal e o seu posible impacto nos Orzamentos do Concello. Lembrou que na actualidade estes destinan un 27% para gastos de persoal e que coa nova RPT este concepto medrará ao 35%. “O PP non se opón a reformar a RPT para afrontar carencias estruturais en materia de persoal”, asegurou. Porén, a portavoz popular considerou que a proposta finalmente aprobada “non solventa o problema e hipotecará a todos os melidenses”.

 




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp