Novas

Máis novas

O San Roque Cultural dinamizará a vila con actividades para todas as idades

04/08/2020. O Concello presentou hoxe a programación do San Roque Cultural, unha alternativa ás festas tradicionais que se viñan celebrando na segunda quincena do mes de agosto e que por mor do Covid-19 este ano non terán lugar de maneira tradicional

MELIDE 4 de agosto de 2020.- O Concello de Melide, a través da súa Concellería de Cultura poñerá en marcha unha programación cultural durante a semana grande das festas de agosto para dinamizar a vila propoñendo alternativas de ocio para todos os públicos.

A programación do San Roque Cultural comezará o día 15 de agosto cun cartel que inclúe actuacións para todas as idades co obxetivo do goce e desfrute familiar sempre baixo as medidas de seguridade ditadas polas autoridades sanitarias para a loita contra a pandemia.

Desde o Concello de Melide organizáronse actividades pensadas para evitar as aglomeracións e é por iso que no cartel do San Roque Cultural priman as charangas e os pasarrúas con grupos principalmente da contorna. Tal e como explicaba Mayka Basalo, concelleira de Cultura “tamén quixemos axudar, potenciar e poñer en valor os grupos locais e da Comarca xa que somos coñecedores de que son moitos os que levan sen realizar actuacións desde hai moitos meses”.

A programación do San Roque Cultural levarase a cabo en diferentes espazos todos eles ao aire libre para incrementar a seguridade e dándolle protagonismo a diferentes ubicacións da nosa vila: o parque Rosalía de Castro, o cantón de San Roque, a praza do Convento ou a praza das Coles serán os lugares elixidos.

Coa finalidade de manter aspectos tradicionais das festas do San Roque de Melide, o campionato de tirapedras, organizado pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, terá lugar na praza das Coles o luns 17 de agosto ás 11.30h. O día do neno celebrarase o 20 de agosto ás 19:00h no Cantón de San Roque e contará con xeados de balde para todos os participantes.

RESERVA DE PRAZA PARA AS ACTIVIDADES

Para poder acudir ás actividades será necesario reservar  praza previamente no teléfono 981 50 50 03 ext.5 ou no correo electrónico reservasculturais@concellodemelide.gal.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp