Novas

Máis novas

A edición de inverno do Mercamelide celebrarase o 8 e 9 de febreiro

13/01/2020. Os comerciantes interesados en participar teñen que comunicalo a Asetem antes do 24 de xaneiro. Poderán participar comercios asociados e non asociados á patroal. Como é habitual celebrarase no palacio de congresos e exposicións da vila

MELIDE 13 de xaneiro 2020.- A feira de oportunidades do comercio melidense, Mercamelide celebrará a súa vindeira edición os pŕoximos 8 e 9 de febreiro. Son as datas elixidas para dar paso a unha nova edición da feira de oportunidades na que os establecementos melidenses poñerán á venda os seus stocks da temporada de outono/inverno. Mercamelide chega a súa edición número 25 e seguirá sendo a mellor oportunidade para facer negocio redondo en base á calidade e prezo reducido, as dúas características definitorias desta feira de saldos xa consolidada no almanaque comercial e distintiva do comercio melidense.

A feira está organizada polo Concello de Melide e a Asociación de Empresarios da vila, ASETEM, que mantiveron unha xuntanza a pasada semana xunto con comerciantes para concretar cales serían as datas da vindeira edición. A cita será como é habitual durante os dous días da fin de semana elixida de febreiro no Pazo de Congresos e Exposicións, onde a instalación se converte nun outlet baixo teito, nun centro comercial das rebaixas e das ofertas, xa non só  pola variedade de artigos a baixo prezo que se poden atopar, senón tamén pola oferta de ocio complementario e polo amplo horario de apertura, que como edicións anteriores será dende ás 11h da mañá e ata ás 20h da tarde, de maneira ininterrompida.

Na pasada edición do Mercamelide de verán celebrada en agosto, participaron máis de 20 establecementos con variedade de produtos. Os comercios interesados en participar na edición do 8 e 9 de febreiro, teñen que poñerse en contacto coa Asociación de Empresarios da Terra de Melide, Asetem CC, no teléfono 981 50 61 88. O prazo para inscribirse remata o venres 24 de xaneiro.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp