Novas

Máis novas

Melide promocionará a Festa do Melindre no CIFP Paseo das Pontes na Coruña

10/01/2020. Concello e Asociación promocionan a nova edición da Festa do Melindre e da Respostaría Tradicional. O lugar elixido para a primeira acción de difusión deste ano será unha das principais escolas de hostalería de Galicia, a da Coruña

MELIDE 10 de xaneiro de 2020.- O Concello de Melide en colaboración da Asociación da Repostaría Tradicional Melide Terra Doce comeza coas primeiras accións de cara a promocionar a vindeira edición da Festa do Melindre que se celebrará como é habitual a segunda fin de semana do mes de maio.

Unha das súas accións promocionais para dar a coñecer a festa e os doces protagonistas da celebración: ricos, melindres e amendoados, é a realización de obradoiros nas principais escolas de hostalería de Galicia. Este ano, as elixidas son a da Coruña e a de Lugo.

A cita co alumnado do Centro Integrado de Formación Profesional Paseo das Pontes na Coruña será o vindeiro luns 13 de xaneiro, onde ao longo de toda a mañá, os asistentes ao obradoiro poderán coñecer a coidadosa elaboración dos doces tradicionais de Melide e tamén probalos. Será a finais deste mes cando lle toque a quenda á Escola de Hostalería de Lugo do IES San Xiao, completando así, unha serie de visitas a totalidade destes centros formativos que comezou o pasado ano.

A formación será impartida por Alberto Rodríguez, membro da Asociación da Repostaría Tradicional Melide Terra Doce e responsable da Pastelería Estilo, quen a maiores de darlles a coñecer o produto local tamén presentará diferentes opcións para obter un segundo uso dentro da restauración cos melindres, ricos e amendoados.

Con este tipo de promocións, trátase de expoñer a calidade dun produto ligado á terra de Melide, feito a man, de marcado carácter tradicional que posúe unha simbiose perfecta coa alta gastronomía actual. Os doces de Melide son especiais, tanto polo seu sabor exquisito como pola forma de elaboralos; o seu potencial de maridaxe coas técnicas de actualidade en gastronomía é infinito. De aí a importancia de estar presente neste tipo de centros educativos, como un elemento promocional máis que o Concello aporta á Festa do Melindre, declarada festa de interese turístico no ano 2013.

Concello e Asociación acoden da man a este evento xa que se trata “dunha boa oportunidade para promocionar os nosos produtos e ao mesmo tempo dar a coñecer tamén a Festa do Melindre, que para nós é o máximo evento para difundir a existencia dos doces tradicionais de Melide”.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp