Novas

Máis novas

O Concello presenta na Deputación un proxecto para reformar e ampliar a piscina

24/09/2019. O alcalde e o concelleiro de Deportes, mantiveron no día de onte unha xuntanza de traballo co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, para buscar apoios no proxecto de reforma e ampliación da piscina municipal

MELIDE 24 de setembro de 2019. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu no seu despacho da institución provincial ao alcalde de Melide, José Manuel Pérez Penas, e ao tenente alcalde e concelleiro de Deportes, José Antonio Prado, na que supuxo a primeira reunión co novo goberno municipal da localidade para abordar temas de colaboración entre ambas as dúas administracións.

Entre os asuntos plantexados polo goberno municipal destaca a petición de colaboración para ampliar as dependencias da piscina municipal, “unha instalación construída no seu día con fondos provinciais, pero que co paso dos anos foi quedando pequena para atender a gran demanda de veciños de Melide e dos municipios da contorna que asisten tanto a natación coma ao ximnasio”, explicaron os responsables municipais, que solicitaron apoio económico da Deputación para reformar o inmoble e ampliar dependencias coma o ximnasio e os vestiarios, actualizando as súas instalacións, actualmente pechadas debido á fin do contrato coa empresa que xestiona a instalación.

O presidente da Deputación subliñou a vontade de cooperación da Deputación neste asunto e  comprometeuse a buscar fórmulas de colaboración económica que permitan apoiar ao Concello de Melide neste proxecto de cara ao vindeiro ano.

ACTIVAR AS OBRAS DO PLAN ÚNICO

José Manuel Pérez e José Antonio Prado destacaron tamén a súa intención de activar as licitacións de numerosas obras do Plan Único da Deputación que o anterior goberno municipal de Melide deixou pendentes dende 2017 e 2018,  “obras por importe varios centos de miles de euros que acumulan importantes retrasos”, explicou o alcalde.

Neste sentido, González Formoso ofreceulles a colaboración da Deputación a través do proxecto PEL-Concello Dixital, destinado a facilitar a transformación dixital na provincia, e do servizo de Asistencia aos Concellos para dar un impulso a esas obras pendentes.

González Formoso, Pérez e Prado abordaron tamén na reunión a posibilidade de acometer melloras nalgunhas estradas provinciais do municipio, un asunto que o presidente se comprometeu a supervisar persoalmente nunha próxima visita institucional a Melide.

Tanto o alcalde como o tenente de alcalde da vila fixeron unha valoración moi positiva da primeira xuntanza que o novo equipo de goberno vén de manter co presidente do ente provincial. Ambos agradeceron a disposición do goberno da Deputación para colaborar con Melide nos vindeiros proxectos. 




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp