Novas

Máis novas

O Conservatorio de Grado Profesional de Melide clausura o curso cun concerto

27/06/2019. O alumnado do Conservatorio de Grado Profesional de Melide celebrou onte o seu fin de curso. Fíxoo cun concerto para todos os veciños e veciñas con entrada libre e gratuita na casa da cultura amosando todo o aprendido musicalmente nos últimos meses

MELIDE 27 de xuño de 2019.- Os alumnos e alumnas do Conservatorio de Grado Profesional de Melide clausuraron na xornada de onte o curso 2018/2019. Fixérono cun concerto para todos os públicos e aberto a toda a veciñanza ás 20.30h da tarde na casa da cultura.

Durante a súa actuación, amosaron o aprendido nas diferentes áreas musicais ao longo de todo o curso e nas distintas modalidades. Tamén houbo tempo para escoitar á banda e a orquestra do conservatorio municipal de Melide. Foi unha audición para ensinar ao público asistente a formación recibida durante o curso.

Tamén os máis cativos e cativas, alumnado da actividade música e movemento tiveron o seu momento na xornada de onte, onde cataron temas de sempre, de grupos galegos tan coñecidos como Fuxan os Ventos que fixeron as delicias do seu público.

Como xa acontencía o ano pasado, o alumnado de TICs, realizou un vídeo sen sonido sobre o Camiño de Santiago de seis minutos aproximadamente, onde se proxectaron na pantalla lugares emblemáticos do percorrido a Santiago ao seu paso por Melide como Furelos, Santa María, O Leboreiro, etc…onde a orquestra do conservatorio foi quen de poñerlle música en directo, nun auditorio escuro, onde só se escoitaba a melodía do alumnado e podían verse as imaxes proxectadas en grande na parede do auditorio. Trátase dun proxecto audiovisual similar ao xa realizado hai un ano polo alumnado local.

Como é habitual a casa da cultura ateigouse de familiares e amigos dos músicos para escoitar o bo facer cos diferentes instrumentos que puxeron banda sonora á tarde de mércores en Melide.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp