Novas

Máis novas

O Corremelide enche de deporte a praza do Convento da vila

31/05/2019. O IES de Melide puxo en marcha esta mañá o Corremelide, unha proba que percorre o casco histórico e que pretende ser unha festa do deporte para pechar o presente curso. O Concello de Melide colabora como cada ano con esta iniciativa

Melide 31 de maio de 2019.- Como cada ano por estas datas o IES de Melide en colaboración co Concello de Melide puxeron en marcha o Corremelide. Trátase dunha actividade lúdico-deportiva que ademais de ser unha carreira en defensa da lingua galega, cumpre o obxetivo de despedir, dalgún xeito o curso 2018-2019. Nesta carreira participan os escolares do instituto e tamén dos colexios de Melide, así como tamén doutros centros.  

A carreira percorreu esta mañá as principais rúas da zona histórica de Melide, partindo da rúa Alhóndiga e seguindo un trazado que varía segundo as categorías, que se achega á zona do Albergue Público, o Castelo, a rúa Ichoas e Principal ata chegar á meta, instalada na praza do Convento. No Corremelide participan en varias quendas os escolares das distintas categorías, que abranguen benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil, ou o que é o mesmo, dende terceiro de primaria ata alumnos de bacharelato.

A xornada de hoxe deu comenzo ás 10,30h da mañá cando os rapaces do instituto de Melide leron un manifesto que eles mesmos elaboraron nas aulas, para dar continuación as carreiras, comezando os máis pequenos, rapaces e rapazas de primaria, que despois da carreira tiveron a oportunidade de ver a entrega de trofeos, aos primeiros clasificados e de medallas para os segundos e os terceiros. Todos os participantes recibiron un diploma acreditativo.

Foi a media mañá cando tivo lugar un espectáculo e a entrega de premios do concurso de manifestos e das carreiras de primaria. Para o alumnado máis maior, correspondente aos rapaces e rapazas que cursan a educación secundaria obligatoria, o momento da carreira chegou sobre ás 12,15 onde non só os rapaces da ESO senón tamén de bacharelato, ciclos e profesorado tiveron a oportunidade de participar nesta nova edición do corremelide. 

CORREMELIDE: LINGUA E DEPORTE

Como alternativa a carreira, o alumnado tamén puido participar  nunha área de xogos populares e tradicionais que se organizaron ao longo de toda a mañá na praza do Convento. Corremelide é unha iniciativa que ano tras ano aumenta o número de participantes. Nas últimas edicións preto dun milleiro de alumnos e alumnas e mestres de Melide e comarca uniron deporte e lingua nesta carreira que é xa un clásico do calendario deportivo melidense.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp