Novas

Máis novas

O novo centro de saúde conta con proxecto técnico

15/09/2017. A xerente de Xestión Intergrada de Santiago visitou o actual centro médico acompañada da alcaldesa de Melide e o concelleiro de Sanidade. A nova construción contará con cinco consultas de Médico de Familia

A xerente de Xestión Integrada de Santiago, Eloína Núñez, visitou onte o centro de saúde de Melide acompañada pola alcaldesa Dalia García e o concelleiro de Sanidade, Benito Nebril, onde presentou o proxecto
técnico de construción do novo centro no que se desenvolverá a actividade sanitaria melidense.

O novo centro, que agrupa todos os servizos sanitarios nun só edificio, próximo á parcela na que se sitúa o actual, contará con case 2.000 metros cadrados de superficie, que mellora considerablemente o anterior. Nesta mesma construción sitúase tamén o Punto de Atención Continuada.


O proxecto técnico foi realizado en base ás necesidades planeadas no plan funcional elaborado en colaboración cos profesionais sanitarios locais. Trátase dun edificio cun atractivo deseño, moita luz e totalmente accesible. Está estruturado en catro áreas diferenciadas. A de medicina xeral e servizos comúns; a de pediatría; a de fisioterapia e o Punto de Atención Continuada.


A área xeral contará con 5 consultas de Médico de Familia, 5 para persoal de Enfermería, Traballador Social, Matrona, sala de educación maternal, consulta de Farmacia, Hixienista dental, Odontoloxía, sala de extraccións e consulta polivalente. A zona de Pediatría contará cunha área propia na que se atopa a consulta do facultativo e a do persoal de enfermería con aseo e sala de espera propios adaptado.

A zona de Fisioterapia contará cunha ampla sala para ximnasio, ademais da consulta, cabinas de tratamento e sala de espera. Finalmente o Punto de Atención Continuada, terá unha  consulta de enfermería e facultativo, sala de observación, reanimación, ademais das zonas de persoal.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp