Novas

Máis novas

O bus turístico dará a coñecer as xoias arquitectónicas de Melide e Comarca

11/07/2018. O Concello de Melide incorpora dende mañá xoves o servizo de bus turístico á oferta de ocio da vila durante as tardes de xullo e de agosto. Esta iniciativa, pioneira o ano pasado, contou con milleiros de usuarios que coñeceron de preto Melide

MELIDE 11 de xullo de 2018.- Dende mañá xoves, o Concello de Melide incorpora o servizo de bus turístico todas as tardes da semana para dar a coñecer o patrimonio arquitectónico co que conta a vila e os concellos limítrofes. Trátase dunha iniciativa que se pon en marcha dende a Concellería de Turismo que dirixe Luis Arias.

A xestión do bus turístico como o ano pasado dependerá da oficina de Turismo, situada en Furelos, que contará con tres técnicos durante a temporada estival. O horario desta oficina será dende ás 8.30h ata as 20.30h en horario ininterrumpido e tamén comezará a funcionar dende a xornada de mañá xoves.

O punto de saída do bus turístico será enfrente da Capela de San Roque, sinalizado xa cun cartel que indica o comezo da ruta. O custo por persoa será de dous euros. As persoas interesadas en realizar o percorrido terán que mercar con anterioridade na Oficina de Turismo un ticket que lle dará acceso ao autobús ou ben mércalo no propio vehículo antes de iniciar a ruta, sempre e cando existan prazas dispoñibles.

"Poñemos en marcha de novo esta iniciativa porque queremos que os peregrinos e a xente que nos visita nos meses de verán coñezan máis sobre a nosa vila e tamén sobre os concellos veciños xa que temos moita riqueza cultural e arquitectónica que queremos potenciar dende o Concello de Melide”, apuntaba Dalia García, rexedora melidense.  “Aínda que o servizo de Bus Turístico está orientado a peregrinos e persoas que visitan a nosa vila, tamén poden facer uso del aqueles veciños e veciñas que queiran coñecer máis o noso patrimonio cultural", explicaba García.

O bus turístico, que se poñerá en marcha mañá, terá saída todos os días de xullo e agosto dende a Capela de San Roque ás 17h da tarde e as prazas serán limitadas ata completar o número de asientos do propio autobús. Todos os pasaxeiros na súa viaxe contarán cun díptico no se que se lle explica pormenorizamente os monumentos e as zonas que van visitar, ao mesmo, o Concello de Melide, tamén pon á disposición dos participantes un técnico de Turismo que será quen sirva de guía durante todo o percorrido.

PERCORRIDO TURÍSTICO
O Bus Turístico de Melide percorrerá diferentes lugares de interese para as persoas que visitan a vila e Comarca. Así, a viaxe comezará xunto a Capela de San Roque onde se lles explicará aos asistentes as orixes da mesma capela e tamén do cruceiro situado ao seu lado, o cruceiro máis antigo de Galicia. O autobús achegará aos pasaxeiros ata a Ponte de Furelos, Castelo de Pambre, Monasterio de Sobrado dos Monxes, facendo última parada en Santa María de Melide. Ao remate, o bus turístico levará a todos os pasaxeiros ata a Capela de San Roque.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp