Novas

Máis novas

O xerente do Consorcio coñece a atención prestada en Melide a maiores e cativos

21/06/2018. Dalia García, alcaldesa de Melide, e María Jesús López, concelleira de Igualdade e Benestar, acompañaron a Perfecto Rodríguez, xerente do Consorcio Galego na súa visita á Galiña Azul e a Residencia e Centro de Día da vila

MELIDE 21 de xuño de 2018.-  O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muíños, visitou o centro para atención aos maiores de Melide, dependente dese ente da Consellería de Política Social, así como tamén as instalación da Galiña Azul. Durante a súa visita a Melide estivo acompañado da alcaldesa da vila, Dalia García e da concelleira de Igualdade e Benestar do Concello de Melide, María Jesús López.

ATENCIÓN AOS MAIORES

A Residencia de Maiores de Melide oferta na actualidade un total de 39 prazas de centro de día e 54 residenciais (30, na súa residencia e 24, na súa vivenda comunitaria) e nel traballan 34 técnicos do Consorcio. O centro dispón neste momento de 16 prazas vacantes, das que 14 corresponden ao seu centro de día e 2, á parte residencial desas instalacións.

Os usuarios do centro para maiores de Melide contan ademais con servizo de comedor, que empregan a diario 74 deles, así como con servizo de transporte para os maiores que acoden ao centro de día, que utilizan 21 dos seus 27 usuarios.

Recentemente, a Consellería de Política Social, a través do Consorcio, levou adiante a ampliación da residencia do centro melidense, o que permitiu que dende a súa entrada en servizo a finais de 2016, aumentara a súa capacidade en 14 prazas, pasando de 16 a 30.

Nesa actuación, a Administración autonómica investiu máis de 325.000 euros, entre obras e equipamento. En calquera caso, a Xunta prevé que posteriormente, cando se complete a posta en funcionamento da ampliación da parte residencial xa acometida no centro, esta acade unha capacidade total de 49 prazas.

De acordo coa visión supramunicipal que rexe en todo momento a planificación de investimentos do Consorcio, o centro de maiores de Melide non só cobre a demanda xerada nese mesmo concello, senón tamén as necesidades de municipios da zona que carecen de recursos públicos semellantes.

ATENCIÓN AOS CATIVOS

O xerente do Consorcio tamén visitou as instalacións da Galiña Azul de Melide, instalada na rúa María Barbeito que conta na actualidade con 50 prazas. Un centro de atención a menores con idades comprendidas entres os 0 e os 3 anos que está en activo dende o 2015.

 




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp