Novas

Máis novas

Aberto o prazo para solicitar os permisos para as fogueiras de San Xoán en Melide

12/06/2018. O Concello abre o prazo para que todos os veciños e veciñas que vaian a realizar luminarias de San Xoán soliciten os permisos pertinentes. As solicitudes xa están a disposición nas dependencias municipais ata o xoves 21 de xuño

MELIDE 12 de xuño de 2018.- A poucos días da celebración da noite máxica de San Xoán, na que toda Galicia se enche de luminarias, o Concello de Melide vén de poñer a disposición dos veciños un modelo de solicitude que todas as persoas que vaian facer luminarias nesa noite deberán entregar cuberta no Concello. Estas solicitudes teñen por obxectivo contar cun rexistro das luminarias a fin de ter un control de seguridade sobre as mesmas e poder previr así calquera situación de perigo co lume.

O Concello de Melide enumera neste modelo de solicitude, que pode recollerse nas dependencias municipais ou descargarse da propia páxina web do organismo local, unha serie de normas ás que deberán axustarse as fogueiras. Entre elas, por exemplo, indícase que o volume de combustible na luminaria non debe superar en ningún caso os 8 metros de perímetro nin os 3 de altura, ou que a separación das fogueiras cos edificios e as árbores será como mínimo de 12 metros, para evitar calquera posible propagación do lume.

Así mesmo, tamén se lembra a prohibición de empregar a fogueira de San Xoán para botar ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou sprais aínda que estean baleiros, nin moito menos aceites, pneumáticos, plásticos ou espumas que poidan desprender un fume tóxico ao entrar en contacto co lume.

As persoas que queiran facer unha luminaria en San Xoán, ben nas parroquias de Melide ou ben na vila, deberán entregar cuberta esta solicitude, cos seus datos e a localización prevista para a luminaria ata o xoves 21 de xuño ás 14.00h na secretaría xeral do Concello de Melide. Será o propio concello quen remitirá ao Distrito Forestal 3 de Ordes, dependente da Dirección Xeral de Montes, a relación dos puntos de localización das fogueiras, para que esta entidade, competente na materia, coñeza cales son as luminarias previstas para a noite do 23 no termo municipal de Melide.

A alcaldesa de Melide, Dalia García, explicaba que durante a noite de San Xoán “ as brigadas de Protección Civil e Policía Local vixiarán as fogueiras e velarán pola seguridade para que unha noite tan especial poida levarse a cabo con total normalidade”.  Ao mesmo tempo, a rexedora melidense facía un chamamento ao civismo e o respeto polo medioambiente, “xa que donde fagan as luminarias terán que quedar totalmente limpos e cos lumes apagados unha vez que se abandonen eses lugares”.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp