Novas

Máis novas

As obras do Cantón e da avenida de Lugo rehumanizarán o centro da vila

15/05/2018. A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e a alcaldesa de Melide, Dalia García, visitaron os traballos que se están a executar na actualidade. Esta intervención realízase en plena ruta xacobea

MELIDE 15 de maio de 2018.- A alcaldesa de Melide, Dalia García, visitou xunto coa conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato, os traballos que se están executando na actualidade para reformar e poñer en valor do Cantón de San Roque e a Avenida de Lugo, neste concello da provincia da Coruña.

Trátase dunha actuación que se inscribe dentro do Plan Hurbe e que conta cun orzamento de máis de 300.000 euros, que servirán revitalizar o corazón do núcleo urbano de Melide e a principal arteria da vila, como é a Avenida de Lugo, pola que ademais discorre un dos grades patrimonios do concello, como é o Camiño de Santiago.

Mato Otero destacou que “Melide é un punto moi importante dentro das rutas xacobeas, porque neste concello se unen os Camiños Francés e Primitivo; polo tanto entre os obxectivos está crear un espazo de vida e de actividade acorde coas necesidades dos cidadáns, facendo da praza un punto de encontro e lugar de estancia”.

Asemade, tamén se mellora e moderniza a imaxe urbana dunha vila tan emblemática como Melide como encrucillada dos Camiños de Santiago, acondicionase o mesmo ao seu paso polo centro urbano; e mellorase a accesibilidade, a seguridade e as condicións de acceso peonil dos veciños e dos peregrinos.

A conselleira destacou que “a execución desta actuacións responde á necesidade de recuperar un espazo degradado e obsoleto, que acumulaba cicatrices de reformas parciais que xa cumpriron a súa necesidade e polo tanto, precisa dun proceso de reflexión que conduza a rexeneración dun espazo que suma máis de 5.000 m2”.

Para acadar esta posta en valor, será necesario reurbanizar a calzada e as beirarrúas das Avenida de Lugo e da contorna do Cantón de San Roque; mellorar e acondicionar o axardinamento do Cantón e o mobiliario urbano, facéndoo máis moderno, funcional e adaptado aos tempos actuais; e reurbanizar o espazo do Cantón, suprimindo barreiras arquitectónicas.

A alcaldesa de Melide, Dalia García, agradeceu unha vez máis o apoio da Xunta de Galicia para realizar unha obra desta envergadura xa que “sen o apoio do ente autonómico, non sería posible executala”. 

COLABORACIÓN DA XUNTA CON MELIDE

A conselleira de Medio Ambiente destacou que a colaboración do Cantón de san Roque e a avenida de Lugo non é a única que o Goberno galego promove en Melide, senón que é fluída e permanente. Unha cooperación que queda patente analizando as cifras, onde a Consellería de Medio Ambiente ten destinado preto de 10 millóns de euros, dos cales 9 son en actuacións relativas a saneamento e recordou outro compromisos como o proxecto de mellora do saneamento da parroquia de San María, cun investimento de 165.000 euros.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp