Novas

Máis novas

O Concello de Melide repartirá máis de 2.500 euros en premio no Entroido

18/01/2018. O prazo xa está aberto para todos aqueles que queiran participar

MELIDE 18 de xaneiro de 2018.- O Concello de Melide prepara xa a festa do Entroido na vila. Tal e así, que o prazo xa está aberto para aquelas persoas que queiran participar no concurso de Entroido que se ven celebrando ano tras ano.

A data para este evento está fixada para o martes de Entroido,13 de febreiro e os interesados en participar terán que facer a súa inscrición no departamento de Cultura do Concello de Melide ata as 14h do mediodía do propio martes 13 de febreiro. Ao mesmo tempo, e como acontecía anos anteriores, tamén poderán inscribirse a mesma tarde do concurso en horario de 16.30h a 17h no Cantón de San Roque, sempre que non chova, de impedilo as condicións meteorolóxicas esta inscrición poderá realizarse no Cantón de San Roque.

MÁIS DE 2.500 EUROS EN PREMIOS

Establécese un total de 2.650 euros en premios que se repartirán do seguinte xeito: nas comparsas formadas por máis de oito persoas, o primeiro premio estará dotado de 1.000 euros e o segundo de 700 euros. Para os grupos , formados de tres a oito persoas, o primeiro premio será de 400 euros e o segundo de 300 euros. Na categoría de individuais e parellas, o primeiro premio será de 150 euros e o segundo de 100 euros.

Dende o Concello de Melide deixan claro nas súas bases que os menores de idade non poderán participar na categoría individual e parellas de non ir compañados dun adulto.

XURADO

O xurado do concurso será nomeado por decreto de alcaldía e estará formado por membros de asociacións e entidades do Concello de Melide,  ou persoas vinculadas ao mundo da cultura e das tradicións.

OUTRAS ACTIVIDADES

A maiores do concurso de Entroido, o Concello de Melide traballa nas actividades que conformarán a programación desta celebración na vila e que fará público en vindeiras datas. 




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp