Novas

Máis novas

O Pleno de Melide concederá a bonificación do 50% do ICIO para unha vintena de vivendas protexidas

01/12/2017. Serán un total de 23 vivendas protexidas as que se beneficien das obras de eficiencia enerxética que se executarán no vindeiro ano

MELIDE 1 de decembro de 2017.- A corporación melidense celebrará un Pleno o vindeiro martes no que un dos puntos máis importantes será conceder a bonificación do 50% do Imposto sobre Construccións, Instalacións e Obras para as 23 vivendas protexidas locais segundo a Ordenanza que se aprobou a instancia do goberno local. 

A alcaldesa de Melide, Dalia García, explica que “esta obra xa está adxudicada e redundará nunha mellora nesta edificación para o incremento da eficiencia enerxética que aumentará o illamento destas vivendas en dúas fases e que beneficiará a todos os veciños e veciñas que viven nas vivendas protexidas da rúa José Cándido Ares, grazas aos Fondos FEDER Galicia 2014-2020”.

Outro dos asuntos que tamén se debaterán no Pleno do vindeiro martes será a aprobación inicial da Ordenanza fiscal número 8, encargada de regular a taxa pola subministración da auga.  “A finais de ano, toca facer balance e actualización destas taxas, polo que ao ser o IPC positivo no período de agosto de 2016 e ata ese mesmo mes deste ano segundo os últimos informes da empresa concesionaria deste servizo, axustarase  1,60% esta tasa, o que non terá case repercusión para os nosos veciños”, engadía a rexedora.

Ao mesmo tempo, Dalia García, tamén aproveitaba para facer un chamamento a toda a poboación para que realice un consumo responsable de auga nos seus fogares, xa que “a baixada drástica dos caudais nos últimos días e a ausencia de chuvias nas previsións metereolóxicas,  pode facer que a situación se poida agravar ocasionando problemas”.

 




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp