Novas

Máis novas

Melide, Santiso e Toques acollerán a 1ª proba da Liga Galega de Raids de Orientación : RAID INTERIOR DE GALICIA, DENDE O ULLA ATA O BOCELO

01/02/2023. Representantes dos tres concellos presentaron hoxe a proba en Melide. Esta primeira proba do Campionato porá en valor o amplo patrimonio histórico, cultural, natural e paisaxístico dos concellos que atravesa. Terá lugar o 18 de marzo e cubrirá unha distancia total de 80 quilómetros. A inscrición abrirá o xoves 2 de febreiro.

Os concellos de Melide, Santiso e Toques organizan, xunto con Xesta Natureza e a Federación Galega de Orientación, a 1ª proba da Liga Galega de Raids de Orientación. Esta proba, que terá lugar o sábado 18 de marzo, formará parte do Campionato Galego.

Dende o embalse de Portodemouros, que acollerá a proba de kaiak, ata a cima dos montes do Bocelo, punto máis alto da provincia de A Coruña, a proba percorrerá paisaxes da contorna dos tres concellos, poñendo en valor elementos patrimoniais, naturais e históricos dos mesmos. O percorrido atravesará espazos emblemáticos das localidades de Melide, Santiso e Toques. A proba estenderase ao longo duns 80 quilómetros, cunha duración aproximada de 10 horas.

Os equipos participantes, compostos por entre 2 e 5 membros coa obrigatoriedade de que sexan mixtos, distribuiranse en tres categorías. Serán tamén tres as disciplinas que compoñen a proba, trekking, mtbo (orientación en bicicleta de montala) e kaiak. As inscricións abriranse o vindeiro xoves 2 de febreiro, a través da plataforma www.tracktherace.com

Na presentación da proba que tivo lugar hoxe en Melide estiveron presentes os alcaldes dos tres concellos que atravesa a proba: José Manuel Pérez, alcalde de Melide, Manuel Adán, de Santiso e José Ángel Penas, de Toques. Tamén estivo presente o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes de Melide, José Prado. Para os tres concellos a idea é reforzar a presenza dos tres municipios no mapa do deporte exterior e de aventura de Galicia.

A proba constitúe o escaparate idóneo para seguir difundindo o valor patrimonial, cultural e pasaixístico dos Concello de Melide, Santiso e Toques, a través de paraxes excepcionais entre o Ulla e os Montes do Bocelo.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp