Concello de Melide

Patrimonio

Patrimonio » Arquitectura popular

Ponte Medieval de Furelos

A xeito de pórtico do Concello de Melide, os peregrinos entran neste municipio a través da aldea de Furelos, cun encanto exquisito en si mesma, pero cuxo principal activo é a Ponte Medieval, que data do século XII.

Documentada dende o ano 1185, esta ponte cítase no Códice Calixtino do século XII, e está considerada aínda hoxe unha das xoias da arquitectura civil do Camiño de Santiago. Esta ponte de Furelos foi ata o século XIX a única vía de comunicación para carros e cabaleiros durante setecentos anos de peregrinación, a través do Camiño Real.

Mide 50 metros de longo e ten un ancho de 3,7 metros. Está formada por catro arcos de medio punto, desiguais, con paramentos rectos dende os arcos ata os peitorís. As tres pilastras teñen tallamares triangulares augas arriba, e espolóns augas abaixo. O perfil do peitoril é apuntado sobre o arco principal.

As roscas dos arcos, os arranques das bóvedas e dos paramentos nas pilastras son de cantaría posiblemente traída de Pambre. O demais son materiais propios de Melide: os paramentos, o recheo das bóvedas e peitorís son de cachotaría, da negra pedra do país que se pode atopar no monte de Melide, fundamentalmente anfibolitas e ultrabásicas.

Lugar

Parroquia: Furelos (San Xoán)

Buscador de recursos


Recursos por parroquias


xunta de galicia
ministerio de industria, turismo y comercio
feder
deputacion