Novas

Máis novas do Concello de Melide

A alcaldesa de Melide analiza cos técnicos da Consellería de Infraestruturas o proxecto de mellora de saneamento e firme da AC-840

A primeira fase deste proxecto afectará ao tramo da AC-840 que vai dende a zona da residencia ata a entrada da estrada no casco urbano
ImagenGenericaNoticiaMelidep 26/10/2017. A rexedora melidense, Dalia García, reuniuse cos técnicos da Consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia para analizar polo miúdo o proxecto de mellora do saneamento e firme da estrada AC-840. Trátase dunha vella demanda veciñal que nos vindeiros meses será unha realidade.

Estas obras de mellora da AC-840 ao seu paso por Melide levaranse a cabo en diferentes fases e a primeira afectará ao treito que une a zona da residencia da terceira idade coa entrada do casco urbano do municipio. Tal e como explica a rexedora “as obras consistirán na mellora de dous tramos fundamentais do saneamento municipal o que repercutirá de maneira moi positiva no sistema integral de augas pluviais”.

Dentro deste proxecto “de gran complexidade técnica tamén se inclúe a petición da alcaldesa, e que foi analizado en xullo con enxeñeiros deste departamento da Consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia, a solución aos problemas de ruídos nunha franxa desta estrada”, apunta García.

Unha vez rematada a redacción do proxecto, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia procederá a licitación do mesmo para poder executalo en meses próximos.

Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp