Novas

Máis novas do Concello de Melide

Manxares, Feira Agroalimentaria de Galicia poñerá en valor os produtos da terra en Melide

A feira terá lugar o sábado 16 e o domingo 17 de decembro no Cantón de San Roque da vila
CartelManxaresConcelloMelidep
14/12/2017. O Concello de Melide xunto co Grupo de Desenvolvemento Rural Ulla Tambre Mandeo do que a vila forma parte, organizan para esta fin de semana do 16 e 17 de decembro Manxares, Feira Agroalimentaria de Galicia. Este evento ten como obxetivo principal poñer en valor os produtos da terra nas datas anteriores ás celebracións de Nadal. Así, aquelas persoas que se acheguen a esta feira poderán comprobar de primeira man a riqueza dos produtos tanto do mar como da terra cos que conta o noso territorio e polo tanto, ter opción a incorporalos as súas comidas e ceas de Nadal.

A alcaldesa de Melide, Dalia García fixo especial fincapé na “calidade dos produtos que se poderán mercar” e animaba a todos “a participar de Manxares que é unha boa oportunidade para conseguir agasallos de Nadal cen por cen galegos feitos na nosa Comarca. Ademais con estas compras estaremos apoiando a novos emprendedores que naceron grazas ás axudas do GDR e que hoxe en día son negocios consolidados no noso rural”.

O Concello de Melide instalará para a celebración de Manxares, Feira Agroalimentaria de Galicia unha carpa no Cantón de San Roque e diferentes cañóns de calor para que o ambiente sexa o apropiado para a realización do evento. Serán 15 os stands que participarán na feira de sectores variados: mel, cervexa, queixo, bacallau, pan etc…

Manxares, promocionase durante esta semana cunha food truck nas cidades de Lugo, Santiago e Coruña, onde se poderán degustar tapas elaboradas con produtos da terra. Os días da feira, esa food truck achegarase a Melide para que tamén os visitantes da feira poidar probar estas creacións gastronómicas.

Programa de actividades
Manxares, Feira Agroalimentaria de Galicia, abrirá as súas portas o sábado ás 17.30h da tarde, cando Ángeles Vázquez, a conselleira de Medio Rural, inaugure este espazo que se atopará ubicado no cantón de San Roque de Melide. Será ás 18h cando teña lugar unha degustación gratuita de chocolate con melindres na carpa da feira. Ao longo da tarde do sábado a food truck promocional da feira ofrecerá tamén degustacións de balde con produtos típicos da terra.

Xa o domingo 17 de decembro, os stands continuarán no cantón de San Roque durante toda a mañá onde ás 12h está organizado un showcooking a cargo de Yayo Daporta, cociñeiro galego que conta cunha Estrela Michelín.

Manxares, Feira Agroalimentaria de Galicia, terá un horario de apertura o sábado de 17.00 a 20.00 horas e o domingo de 10.00 a 15.00 horas.

Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp