Novas

Máis novas do Concello de Melide

Melide engalánase para o Nadal

As rúas e prazas principais da vila contan xa coa típica iluminación de Nadal así como na rotonda de Melide loce unha árbore de cor rosa
BelenConcelloMelidep
13/12/2017. O Concello de Melide ten xa preparadas as súas rúas e prazas para as celebracións de Nadal. Así, dende hai uns días, estes lugares lucen xa co típico alumeado de Nadal que sumerxe a veciños e visitantes nun ambiente máxico propio destas datas que favorece a dinamización do concello desde o punto de vista comercial, hostaleiro e turístico.

Ao mesmo tempo, o Concello de Melide tamén instalou arcos luminosos nas tres parroquias polas que discorre o Camiño de Santiago – O Lebereiro, Furelos e Santa María- para darlle tamén a este treito un ambiente de Nadal, xa que aínda son moitas as persoas que realizan este camiño a pé ou en bicicleta nesta época do ano.

Por outra banda, tamén se colocaron acibros no casco antigo de Melide que complementan a ambientación propia destas datas. A maiores tamén se entregaron aos establecementos comerciais da vila abetos con lazos que completan a decoración de Nadal.

Beléns en Melide
O Nadal é tamén tempo de adoración dos diferentes beléns que se intalan en diversas partes de Melide.

Un dos beléns da vila está exposto na igrexa parroquial e foi elaborado polo alumnado do Centro Ocupacional da localidade. Foron eles mesmos, nas súas sesións formativas os que configuraron ese nacemento que poderá visitarse ata pasado o día de Reis.

Por outra banda, os baixos da Casa do Concello de Melide conta con outro belén que foi elaborado por parte do equipo de Obras municipal así como tamén polo veciño melidense David López Pulleiro, quen, un ano máis cedeu de maneira altruísta máis de cen figuras, a maioría feitas en escaiola e pintadas por el. Dende o Concello de Melide tamén agradecen especialmente o traballo feito polo empregado municipal José Ángel Cabo, quen traballou a reo para a elaboración deste belén.

Buzón real
Como acontece todos os anos, o Concello de Melide ten xa colocado na entrada da Casa Consistorial un buzón de real, onde os veciños e veciñas poden depositar as súas peticións para as tres maxestades. Melchor, Gaspar e Baltasar, chegarán na tarde do 5 de xaneiro a Melide e recollerán todas as cartas que conteña no seu interior este buzón real.

Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp