Novas

Máis novas do Concello de Melide

O Entroido chega a Melide con actividades para todas as idades

O Concello de Melide presenta a súa programación de Entroido que rematará o martes 13 de febreiro co tradicional concurso de disfraces
ImaxeNova
09/02/2018. O Concello de Melide, dende o seu departamento de Cultura prepara xa as actividades que terán lugar na vila para celebrar a tradicional festividade de Entroido.

Unha das novidades máis importante da programación deste ano é que o coñecido cómico galego Isi Rodríguez, será o encargado de presentar o concurso de disfraces que terá lugar no pazo de congresos e exposicións ás 18.30h da tarde. A recepción dos participantes como é habitual terá lugar ás 16.30h da tarde no cantón de San Roque, de onde sairá o desfile, sempre que o tempo o permita. Haberá diferentes premios para as categorías de comparsas, grupos e individuais e parellas.
Concerto de Entroido e Festa Infantil
A maiores do concurso de Entroido o martes 13, o Concello de Melide quixo programar tamén unha festa infantil con xogos, baile, música, obradoiros e maquillaxe que terá lugar o vindeiro domingo 11 de febreiro no pazo de congresos.

O conservatorio de música de Melide será o encargado de poñerlle banda sonora á programación de Entroido. Para esta tarde preparan un concerto que levará por nome “Músicas do Mundo”, e que terá lugar ás 20.30h na casa da cultura da vila.
Máis de 2.500 euros en premios
Establécese un total de 2.650 euros en premios que se repartirán do seguinte xeito: nas comparsas formadas por máis de oito persoas, o primeiro premio estará dotado de 1.000 euros e o segundo de 700 euros. Para os grupos , formados de tres a oito persoas, o primeiro premio será de 400 euros e o segundo de 300 euros. Na categoría de individuais e parellas, o primeiro premio será de 150 euros e o segundo de 100 euros.

Dende o Concello de Melide deixan claro nas súas bases que os menores de idade non poderán participar na categoría individual e parellas de non ir compañados dun adulto.

Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp