Novas

Máis novas

O Concello de Melide licita as obras para a posta en valor da Rúa Ovedo

08/03/2022. O proxecto responde ao compromiso de recuperación progresiva do Casco Histórico. Incluirán a renovación do pavimento con lousa tradicional e a renovación do saneamento e separación deste da recollida de pluviais. O prazo de execución é de 6 meses e conta cun investimento de case 140.000 euros da Deputación da Coruña

MELIDE 8 de marzo de 2022.-  Melide levará a cabo un proxecto de obras para a adecuación e posta en valor da Rúa Ovedo, no Casco Histórico da vila. Os traballos incluirán a renovación do pavimento, da rede de saneamento e subministración de auga e da canalización das instalacións de telecomunicacións, subministración eléctrica e iluminación.

O goberno local, sinala que con esta intervención “o Concello busca mellorar a accesibilidade peonil e a imaxe da rúa”. Engade que as obras “veñen sumarse ao traballo de posta en valor do noso Casco Histórico”.

A Rúa Ovedo sitúase en pleno núcleo histórico e por ela corre o trazado do Ben de Interese Cultural do Camiño Francés, declarado Patrimonio Mundial pola UNESCO. A vía ten dimensións variables, con uso maioritariamente peonil e comercial.

O prazo de licitación da intervención, aprobada o pasado 24 de febreiro, esténdese ata o vindeiro 21 de marzo. O prazo de execución será de 6 meses. A Deputación da Coruña financia a través do seu Plan Único de Concellos POS+2021 esta intervención con 139.984,30€.

As obras abarcarán o conxunto da rúa, dende o inicio da rúa Santo Antonio, na Praza do Convento, a través da rúa Nova e ata a rúa de San Pedro. O espazo de intervención terá unha lonxitude de 88,5 metros e unha superficie de 587 m2. Nesta área acondicionarase a vía para mellorar a accesibilidade, suprimindo barreiras arquitectónicas e mellorando a imaxe urbana.

Características das obras

Un dos aspectos que a intervención pretende corrixir é o actual trazado das liñas de subministro eléctrico, co cableado grampado nas fachadas, elementos que distorsionan gravemente o ambiente dunha vía histórica. É por iso que as obras incorporarán unha canalización común para instalacións de telecomunicacións, subministro eléctrico e alumeamento, que procura do mesmo xeito a integración dos contadores de lectura remota.

Con este fin, disporase a cada lado da vía un prisma de formigón con catro tubos de condución para o soterramento do cableado aéreo das fachadas dos edificios. As acometidas realizaranse a través dunha arqueta ao pé dos edificios, cun tubo de aceiro galvanizado como protección, ata o punto de acceso ao cadro xeral do edificio.

Por outra banda, as obras incluirán a realización dunha rede separativa de saneamento e recollida de pluviais. Grazas a este desdobramento cumprirase coa normativa actual. Seguindo o eixe da rúa, disporase unha tirada de sumidoiros para a recollida de pluviais, conectados a un novo trazado de tubo soterrado. En cada baixante dos edificios cuxa fachada frontal dea a esta rúa realizarase unha conexión coa nova rede de recollida de pluviais. Así mesmo, revisarase a rede de abastecemento actual para asegurar o mantemento da eficiencia e distribución da subministración.

En canto á pavimentación, e dada a importancia histórica da rúa e as características da veciña Praza do Convento, a Rúa Ovedo será pavimentada na súa totalidade con lousas de pedra de granito, duns 80x60 cm cada unha, co mesmo acabado e tonalidade que as pedras da praza e rúas limítrofes, tamén sen puír. O material será parecido á pedra que marca os ocos e zócolos das edificacións tradicionais da contorna.

Dadas as características da vía, situarase nun mesmo nivel tanto o pavimento rodado como o peonil. Dotarase así a rúa dun carácter máis humano e mellorarase o espazo destinado á veciñanza. Reducirase o paso dos vehículos aos mínimos imprescindibles.

Do mesmo xeito, as instalacións que precisen gran número de arquetas, contarán coa tapa de rexistro en pedra das mesmas características, a fin de manter unha imaxe unitaria da traza do Camiño de Oviedo e Camiño Francés.

 




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp