Novas

Máis novas

Teatro, música e cinema ao aire libre para todas as idades no Verán Cultural

13/07/2020. O programa de actividades do Verán Cultural vén de presentarse no Concello de Melide, contará con actuacións que formarán parte da actividade cultural da vila a finais do mes de xullo e durante a primeira quincena de agosto

MELIDE 13 de xullo de 2020.- Na mañá de hoxe a concelleira de Cultura do Concello de Melide, Mayka Basalo, presentou a programación cultural do Concello de Melide para os últimos días de xullo e para o vindeiro mes de agosto.

“Son actividades organizadas pensando en todos os tramos de idade e en todos os gustos, xa que entendemos que é tempo de lecer en Melide para que as familias poiden gozar das diferentes actuacións en conxunto, este ano, adaptándoas ao protocolo sanitario do Covid-19”, explicaba Mayka Basalo, concelleira de Cultura do Concello de Melide.

Como cada verán, o Concello de Melide fai un esforzo para que tanto a veciñanza como a xente que nos visita durante a época estival teña unha programación cultural adecuada para gozar das tardes de verán na vila sen necesidade de desprazarse a outros concellos veciños nin tampouco as grandes urbes.

PROGRAMACIÓN PARA TODA A FAMILIA

A programación cultural do Concello de Melide para este verán está estruturada en tres bloques. O primeiro centrarase no cinema coa proxección de filmes ao aire libre no parque Rosalía de Castro. Así, o venres 31 de xullo ás 22h, a película protagonista será O que Arde e o venres 7 de agosto á mesma hora será a quenda para Eroski Paraíso.

O segundo bloque de actividades aglutirá as actividades máis familiares onde poder gozar cos máis cativos e cativas. Así, a primeira proposta será o xoves 30 de xullo cun espectáculo musical que leva por nome “No Camiño con Vallecino”, o xoves 6 de agosto “Muiñada” de Galeatro e o 13 de agosto ten lugar na axenda o espectáculo de circo para público familiar “Só” de Xanpatito Pato. Todos as actuacións serán na praza do Convento de Melide ás 20.30h. da tarde.

Haberá oco no Verán Cultural de Melide para os sábados músicais, onde os ritmos de Caamaño&Ameixeiras recalarán en Melide o sábado 1 de agosto, Davide, Fransy e Cibrán actuarán o 8 de agosto e o venres 14, será a quenda para Zoelas. Todos os concertos serán na praza do Convento ás 21.30h da noite.

Todas as actividades que se celebrarán dentro da programación do Verán Cultural serán gratuítas.

VERÁN CULTURAL SEGURO EN MELIDE

Debido á pandemia sanitaria pola que estamos a atravesar, dende a Concellería de Cultura do Concello de Melide puxeron en marcha un protocolo anti-covid-19 para asegurar que todas as actividades se celebren con seguridade.

En todas as actividades será obrigatorio o uso de máscara, o aforo estará controlado e haberá que manter as distancias de seguridade dictadas polas autoridades sanitarias.

Por iso, será necesario reservar praza para poder acudir a actividades e concertos con antelación no teléfono 981 50 50 03 extensión 5, ou no correo electrónico reservasculturais@concellodemelide.gal.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp