Novas

Máis novas

O Concello colabora coa nova campaña de Asetem “Contigo somos, contigo seremos”

13/02/2020. O salón de plenos da casa do Concello de Melide acolleu a presentación da nova campaña de Asetem-CCA que leva por nome “Contigo somos, contigo seremos” á que asistiu en representación o concelleiro de Comercio Xosé Igrexas

MELIDE 13 de febreiro de 2020.-  O Concello de Melide colabora coa Asociación de Empresarios Terra de Melide - Centro Comercial Aberto (CCA-Asetem),  que hoxe comeza unha nova campaña de promoción que leva o nome Contigo somos, contigo seremos, coa que pretende lembrar a importancia do comercio local a través da difusión do patrimonio más cercano.

Contigo somos, contigo seremos é un proxecto que ten como obxectivos promover o consumo nos comercios de proximidade, espertar vocacións emprendedoras na poboación local, especialmente na máis nova, e dar a coñecer o patrimonio da vila.

Precisamente sobre o patrimonio versará a primeira acción da campaña, que será o reparto de cromos autoadhesivos con fotografías históricas de Melide cedidas polo Museo da Terra de Melide. Os comerciantes entregarán os cromos de balde con cada compra para que os clientes poidan coleccionalas.

A primeira tirada será de 4 cromos distintos e cada mes sairán imaxes novas. Despois de semana santa tamén estará a disposición do público (por un prezo popular nunca superior a un euro) un álbum para poder pegar todas as imaxes e poder completar a colección. Ao remate desta iniciativa, na que se distribuirán entre 38 e 40 imaxes ao longo de varios meses, as persoas que completen o álbum entrarán no sorteo dun premio que “ben poderá ser unha viaxe para dúas persoas ou un gran vale de compra”, explicou a xerente de Asetem-CCA, Pilar López durante a presentación.

Ademais do Concello de Melide, para a realización desta campaña, o colectivo de empresarios conta coa colaboración do museo Terra de Melide e a Unidade Parroquial.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp