Novas

Máis novas

O Concello de Melide levou a cabo unha actuación de mellora da eficiencia enerxética no Palacio de Congresos

08/11/2017. O espazo alberga actualmente as pistas de pádel e un parque infantil moi utilizado no inverno polos veciños e veciñas. O novo sistema das pistas de pádel só mantén encendidas as luces durante o uso

O Concello de Melide levou a cabo unha actuación de mellora da eficiencia enerxética co fin de rebaixar nun 50% o gasto de iluminación para as arcas municipais do palacio de congresos da vila, que redundará ao mesmo tempo nun mellor rendemento lumínico. Actualmente, esta instalación é utilizada asiduamente por veciños e veciñas que se achegan cada día a ela para gozar das pistas de pádel cubertas e tamén do parque infantil, que nas tardes de inverno, é unha alternativa de ocio para as familias de Melide con nenos.

Esta mellora consistiu na redistribución das luminarias que habitualmente están accesas no palacio de congresos e exposicións, na que os puntos de luz que se utilizan colocáronse por filas, de maneira que non teñan que estar todos accesos para ter unha boa calidade lumínica nese espazo.

Dalia García, alcaldesa de Melide, explicaba que “esta actuación beneficiará ao aforro municipal, xa que se gastará menos en luz nesa instalación e ao mesmo tempo, incrementará a calidade lumínica para as persoas que fan uso da mesma”.

MELLORA DA SEGURIDADE DE ACCESO ÁS PISTAS DE PÁDEL

Por outra banda, o Concello de Melide vén de instalar un novo sistema de seguridade para o acceso ás pistas de pádel que se atopan no palacio de congresos e exposicións do municipio.

Este sistema permitirá un acceso ordenado ás pistas de pádel, evitando así un uso desorganizado da propia instalación que “ía en detrimento deste servizo”, apuntaba a rexedora e engade que “grazas a esta iniciativa de aforro, as pistas de pádel só teñen luz cando se utilizan, favorecendo así o aforro municipal”.

Deste xeito, os usuarios que queiran acceder á calquera das dúas pistas de pádel cubertas teñen que adquirir o seu pase nas dependencias do Concello de Melide, onde unha vez feito o pagamento correspondente se lles achega unha ficha que utilizan como moeda para poder acceder ás pistas.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp