Novas

Máis novas

A Asociación Cultural Charamela, premio “Terra de Melide á defensa do idioma”

24/05/2019. A Asociación Cultural Charamela será este ano premiada no VIII “Terra de Melide á defensa do idioma” na súa edición de 2019. O premio foi convocado polo Servizo de Normalización Lingüística e Cultural da Terra de Melide

MELIDE 24 de maio de 2019.- O Servizo de Normalización Lingüística e Cultural da Terra de Melide vén de facer público quen será o galardoado co VIII premio “Terra de Melide á defensa do idioma”, que pretende recoñecer públicamente o traballo dunha persoa ou entidade que se teña distinguido polo seu labor a prol da plena normalización do galego no día a día da Comarca.

Foron propostas para este premio un total de vinte candidaturas, e o xurado, formado por representantes da Asociación de Empresarios da Terra de Melide, membros das Anpas dos colexios da vila, Concello de Melide e da Asociación Cultural Terra de Melide, decidiu que este oitavo premio “Terra de Melide á defensa do idioma” neste 2019 recae na Asociación Cultural Charamela da vila, polo seu intenso traballo teatral e asociativo, sempre promovido en lingua galega.

Será o vindeiro 14 de xuño, venres, cando nun acto público se lle faga entrega deste Premio.

ASOCIACIÓN CULTURAL CHARAMELA DE MELIDE

A Asociación Cultural Charamela comeza a súa andaina en abril do ano 2004 coa posta en escea de “Almas sinxelas” e “Prado Lameiro” para recaudar fondos para a excursión de fin de curso do alumnado do Colexio Mestre Pastor Barral. Foi no ano 2006 cando se converte propiamente nunha asociación cultural que dende os seus inicios e ata a actualidade preside María del Carmen Gómez. Unha sociedade activa dentro da sociedade melidense, onde salienta o seu grupo de teatro afeccionado, tanto infantil como adulto.

Dende o ano 2010, a Asociación Cultural Charamela pon en marcha anos tras ano o Encontro Interxeneracional “O abrado das idades” que pretende ser unha xornada de confraternidade con diferentes actividades con persoas persoas de idades dispares. Tamén dende o ano 2012 organiza anualmente o Ciclo de Teatro Afeccionado na vila. No ano 2016, recibiu por parte do Concello de Melide, a Medalla de Ouro, o máximo recoñecemento que entrega anualmente a institución local cada 29 de xuño, día de San Pedro.

 




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp