Novas

Máis novas

Showcooking do chef Paco Roncero, no arranque da Festa do Melindre en Melide

10/05/2019. O chef dúas estrelas Michelin fará un pase de cociña con degustación a partir das 19:30 en Ribeirao. Haberá tamén unha feira de produtos doces artesanais, animación nas rúas e tres grandes concertos a partir das 22:00 horas

MELIDE 10 de maio de 2019.- Este sábado arranca a XXVIII Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide coa participación do chef Paco Roncero, un pregoeiro de honra nunha das edicións máis ambiciosas desta cita. O cociñeiro porase diante dos fogóns para os asistentes ao showcooking doce, que terá como tema central a elaboración de tres pratos de repostaría que os asistentes poderán degustar, baseados nos tradicionais melindres, ricos e amendoados de Melide. A cita será ás 19:30 horas na Viñoteca Ribeirao da localidade coruñesa, e a entrada será de balde para todas as persoas que desexen asistir, que poderán inscribirse unha hora antes do comezo da actividade no baixo da Casa do Concello ata completar o aforo.

Paco Roncero é un dos máximos representantes da vangarda culinaria española dentro e fora das nosas fronteiras. Formouse na Escola de Hostalería e Turismo de Madrid e realizou stages en Zalacaín e no Hotel Ritz ata que en 1991 se incorporou ao persoal do Casino de Madrid. A explosión da súa personalidade creadora produciuse tras poñerse ao mando da xefatura de cociña deste establecemento, incluíndo a dirección da área de banquetes e o restaurante La Terraza del Casino, que na actualidade conta cos dúas estrelas Michelin e tres soles Repsol. Roncero conta ademais con algúns dos premios gastronómicos máis prestixiosos, como o Chef L' Avenir 2005 outorgado pola Academia Internacional de Gastronomía, e o Premio Nacional de Gastronomía 2006 da Real Academia de Gastronomía Española.

MÚSICA E ACTIVIDADES DURANTE TODO O DÍA

Previamente, pola mañá, o cociñeiro fará un tramo do Camiño de Santiago ao seu paso por Melide, dende Furelos ata a igrexa románica de Santa María, e visitará a feira de produtos doces artesanais que comeza na mesma xornada a partir das 12 h do mediodía, ao mesmo tempo que a charanga Ardones dinamizará a vila coa súa actuación nas rúas do centro.  Posteriormente o chef acompañado de membros da corporación e dun grupo de blogueiros, influencers e xornalistas especializados en gastronomía, vistará a Panadería Tahona, un dos fornos tradicionais melidenses, e a queixería artesán María Sara Seijas. Será a partir das 22:30 horas, tralo showcooking, cando os asistentes á cita poderán gozar da música en directo con concertos do cantautor italiano Claudio Spadi, procedente da cidade de Florencia; e os grupos La Penúltima (Tributo a Sabina) e Gin Toni’s.

OS EMBAIXADORES DO MELINDRE 2019

Como ven sendo habitual, un variado grupo de embaixadores comprometeranse a exaltar os doces da Terra de Melide. Este ano as figuras confirmadas que se incorporarán a esta labor son oito persoeiros a nivel autonómico e nacional do mundo da cultura, a gastronomía, o deporte e o mundo empresarial: o coñecido actor Marcos Pereiro no 15 aniversario do dúo cómico As Cantareiras de Ardebullo; a reposteira e instagramer Isabel Pérez de Aliter Dulcia; o triatleta gañador de 3 copas do mundo Uxío Abuín; o xornalista gastronómico Jorge Guitián; a directiva de Aceites Abril Elena Pérez Canal; os chefs Marías Varela de A Parada das Bestas e Miguel Ángel Liboreiro do melidense O Tobo do Lobo; e o director do CIFP Carlos Oroza, Manuel Hermo.

A FESTA MÁIS DOCE DE GALICIA

A Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide, que naceu no ano 1.991, foi declarada en 2013 Festa de Interese Turístico de Galicia. A día de hoxe, 28 anos despois, xa é unha cita consolidada dentro do calendario gastronómico da comunidade. As casas reposteiras que seguen a elaborar estes doces son na actualidade seis. Os ricos, amendoados e melindres son as tres variedades de elaboracións que se exaltan nesta celebración, respectando as receitas tradicionais e históricas, que foron transmitidas de xeración en xeración polas familias deste sector en Melide.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp