Novas

Máis novas

Melide acolle a cuarta edición do Festival de Habaneras Camiño de Santiago

20/07/2018. A música das habaneras será mañá sábado a principal protagonista en Melide. A Coral Polifónica da vila organiza por cuarto ano consecutivo o Festival de Habaneras Camiño de Santiago. A cita será ás 20h na praza do Convento

MELIDE 20 de xullo de 2018.- Mañá sábado, Melide acollerá unha nova edición do Festival de Habaneras que terá lugar, sempre e que o tempo acompañe, na praza do Convento. En caso de choiva, o festival trasladarase á casa da cultura.

Será mañá sábado dende ás 20h da tarde cando se celebre o encontro musical en torno as populares cancións habaneiras, das que cada coral participante ofrecerá un pequeno repertorio. 

A esta cuarta edición do Festival de Habaneras en Melide acudirán a Coral Casino das Coruña, a Coral Polifónica Padronesa, a Coral Ureca de Vigo e a Coral Polifónica de Melide.

A coral local interpretará no festival de mañá La sirena, de Francisco Rey Rivero, Don Gil de Manuel Penella, Habanera Salada de R.Lafuente e Habanera Tropical de Manuel Cedrán.

Trátase dun evento organizado pola Coral Polifónica de Melide e que conta co patrocinio do Concello de Melide, Deputación da Coruña e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

CORAL POLIFÓNICA DE MELIDE

A Coral Polifónica de Melide naceu no ano 1982 baixo a dirección de Andres Sampayo Sixto e debuta durante as Festas do San Roque. Foi no ano 1991 cando comezou a levar a súa música polas vilas e cidades de Galicia e de España e Portugal. Organiza todos os anos o Festival de Habaneras “Camiño de Santiago” a Semana da Música “Terra de Melide” e o Festival de Panxoliñas no nadal.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp