Concello de Melide

Os Camiños de Santiago

Melide está na encrucillada dos Camiños de Santiago. No centro da vila crúzanse o Camiño Francés o e Primitivo Camiño de Ovedo. As pegadas da historia do Camiño ao seu paso por Melide deixáronnos un Hospital de Peregrinos, do ano 1502, hoxe convertido no actual Museo da Terra de Melide.

Camiño Primitivo

A Serra do Careón é a porta de entrada do Camiño Primitivo, tamén chamado Camiño de Ovedo, na Terra de Melide. A ruta deste camiño pasa polas parroquias de Vilouriz e Villamor, ámbalas dúas con arraigadas pegadas arqueolóxicas como castros, cruceiros e fragmentos do camiño enlousados no marco de paraxes nas que a paisaxe natural semella ter detido alí o tempo.

O Camiño de Ovedo foi Vía Romana, e logo aproveitouse para a peregrinación. Di a tradición que foi o rei Alfonso II o primeiro peregrino en percorrelo. Anos máis tarde, coñeceuse como Camiño Real de Melide a Lugo, ata dar hoxe na actual estrada por Furelos.

Será diante do antigo Hospital de Peregrinos -e hoxe Museo- onde se cruce o Camiño de Ovedo co Camiño Francés, na Praza do Convento, a máis importante da vila e onde tamén se atopa a Obra Pía de Santo Antón, que inclúe a Capela e a Casa do Concello.

O Camiño Francés

Actualmente Melide acolle aos seus peregrinos en dous albergues: o primeiro, un pequeno refuxio que foi no seu día unha escola unitaria, sita no Leboreiro; o outro albergue, de grande envergadura, atópase no corazón da zona histórica da vila, e será reformado nas vindeiras datas para convertelo nunha das instalacións máis acolledoras e atractivas do último treito do Camiño Francés.

Malia que Melide é terra de interior, non é raro atopar o nome deste Concello vencellado á cita co mellor polbo do camiño. Para coller forzas camiño de Santiago é visita obrigada xantar unha ración de polbo e encher os petos de melindres.
{*imx_titulo}

Indicador do Camiño de Santiago na Terra de Melide



xunta de galicia
ministerio de industria, turismo y comercio
feder
deputacion