Concello de Melide

Programa de compostaxe caseira

A Concellaría de Medio Ambiente de Melide puxo en marcha un programa de compostaxe caseira. Un proxecto no que participa o Concello de Melide a través dunha subvención concedida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a través das axudas de educación para a sustentabilidade.
O Concello de Melide solicitou un programa de compostaxe caseira cun presuposto de 9.500 euros, dos cales a Consellería subvenciona o 70%.

Que é o compost?

O compost é o produto que se obtén do proceso de descomposición de restos orgánicos, que van fermentando ata converterse nun abono natural. Os residuos vanse amoreando nun recipiente chamado compostador.

Que é a compostaxe caseira?

É a xestión e descomposición dos residuos orgánicos domiciliarios nas propias casas, sen necesidade de recollida nin transporte. Coa concesión desta subvención, a Concellaría de Medio Ambiente que dirixe Manuel Prado, púxose en marcha este programa no que participan directamente as familias de Melide.

Que se pode botar no compostador?

No compostador podemos engadir todos os restos de comida, follas, restos de poda, pousos de café... tendo en conta que canto máis variado sexa o material que compostemos, mellor vai ser o compost resultante. Os restos máis duros (cunchas, ósos, cascas,...) é aconsellable esmagalos para facilitar a descomposición e o remexido.
Esquematicamente, poderemos botar no compostador:
  • restos de cociña
  • pousos do café
  • flores e restos de plantas, podas
  • herba da horta e follas
  • papeis manchados de envolver alimentos

O que non debemos botar no compostador

Debemos ter moito coidado de non botar no compostador materiais que non se vaian descompoñer, porque estropearán toda a mestura. Por exemplo, nunca botaremos:
  • restos inorgánicos: plásticos, vidro, papel, aluminio, etc
  • escrementos de animais nin de persoas
  • materiais que aínda sendo orgánicos conteñan substancias contaminantes

Como podo participar no programa de compostaxe?

Achegándote ao Concelo de Melide e solicitando un compostador para poder realizar o proceso na túa casa. Posteriormente, o Concello de Melide comunicará coas persoas interesadas en participar nesta campaña para informar da scondicións que deben seguir para facer unha correcta compostaxe. O Concello de Melide ten solicitado 50 compostadore, pero se a demanda é maior, estudarase ampliar o seu número.

Para que serve a compostaxe caseira?

Para xestionar os residuos orgánicos reducindo o volume de lixo, xa que é tratado nas propias vivendas do rural, ademais de recuperar a tradicional práctica da esterqueira, convertida no mellor abono posible.

Que fago despois co compost?

Unha vez estea cheo o composteiro, despois de moitos meses, xa que terá que descompoñerse, obteremos o compost, que ten un aspecto de terra negra. Este compost podemos utilizalo como esterco ou complemento para os sementeiros, a horta, o xardín ou plantas de interior.
{*imx_titulo}

compostador

{*imx_titulo}

Presentación do programa de compostaxe caseira



O Concello de Melide pon a disposición da veciñanza 50 compostadores dentro do programa de compostaxe caseira.


xunta de galicia
ministerio de industria, turismo y comercio
feder
deputacion