Espazos de interese
Área recreativa de Furelos
A área recreativa de Furelos, na parroquia deste mesmo nome, atópase na saída do núcleo urbano, e constitúe a principal área de lecer para o verán.
O tempo transcorrido nesta área recreativa convida en todo momento a botar unha ollada cara o río. Ademais da opción da praia fluvial, en Furelos hai habilitada unha ampla zona para merendar cuberta de arboredo, cuxa sombra fai máis fresco o tempo de lecer no verán.
Pensado para os máis pequenos, nesta área recreativa atopamos unha zona de xogos infantís, e os que non gusten dos baños no río, poden decidirse polas piscinas descubertas, sen saír do mesmo recinto.
A situación desta área recreativa, aos arredores do núcleo urbano, permite un acceso moi cómodo e ofrece unha ampla zona de aparcadoiro para turismos, motos e bicicletas.
O Castelo
A zona do Castelo toma o seu nome do antigo castelo que noutro tempo vixiaba Melide. Hoxe segue a ser o punto máis alto da vila, onde se sitúa a Capela do Carme, erixida sobre un castro, e desde onde se pode obter a mellor panorámica dos tellados de Melide. Á zona do Castelo accédese a través dunha rúa empedrada que cruza a zona histórica. Na paraxe da cima uns xardíns e unhas pasarelas de madeira convidan a deterse un intre e gozar das boas vistas.
As parroquias dos Camiños de Santiago
O Camiño Francés atravesa Melide por seis parroquias, facendo o seguinte percorrido: de Santa María do Leboreiro a San Xoán de Furelos; de San Pedro de Melide a Santa María de Melide e de San Mamede do Barreiro a San Vicenzo de Vitiriz.
Santa María do Leboreiro
Atópase no paso do Camiño Francés polo Leboreiro unha ponte medieval. Tamén nesta parroquia, merece unha visita a igrexa románica, e un vello hospital de peregrinos do século XV que hoxe está reconvertido en casa particular. O cruceiro do século XVII e as pinturas murais do XVI son tamén unha referencia desta parroquia do Leboreiro pola que se entra no Concello de Melide.
San Xoán de Furelos
Unha ponte medieval dá a benvida aos peregrinos á parroquia de San Xoán de Furelos, onde algunhas casas particulares conservan aínda as portas medievais. Toda a aldea ten un arrecendo a historia. A igrexa románica do século XIII é tamén unha referencia neste tramo do Camiño Francés.
San Pedro de Melide
O Camiño de Santiago chega á parroquia do núcleo urbano de Melide atopándose en primeiro lugar coa Capela de San Roque, cunha portada románica procedente da de San Pedro, datada do século XIII. Ao seu carón atopamos o cruceiro considerado como o máis antigo de Galiza, do século XIV, así descrito por Castelao e outros investigadores. A porta da Capela de San Roque é a Porta de San Pedro.
No centro da vila, atopamos na pétrea Praza do Convento a Obra Pía de Santo Antón, do século XVII, formada pola actual Capela de S. Antón e a Casa do Concello, antigo pazo da mesma etapa. Preside a praza a igrexa do antigo Convento do Sancti Spiritus -que xa non existe como tal-, datado de entre os séculos XIV e XVIII, no que atopamos un altar maior barroco, sartegos góticos, pinturas murais do século XVI, e un neno Xesús de marfil. O Convento Sancti Spiritus é un dos tesouros do patrimonio melidense.
Na parte alta da vila, atopábase o Castro do Castelo, do que hoxe se gardan numerosas pezas no Museo da Terra de Melide, antigo Hospital de Peregrinos, sito tamén na Praza do Convento.
Santa María de Melide
A igrexa románica de Santa María de Melide data do século XII. No seu interior atópanse unhas pinturas murais do século XVI. Ten ademais unha mesa de altar policromada e unha reixa románica do século XIII. O cruceiro, tamén destacable, é do século XVII.
Non lonxe de alí, atopámonos coa Ponte de Penas, que debuxa unhas pasaxes pintorescas dignas de retrato.
San Mamede do Barreiro
A igrexa do Barreiro ten un altar neoclásico, e á beira un cruceiro. A parroquia está regada co río Catasol, que deixa ás súas ribeiras unhas fermosas paisaxes.
San Vicenzo de Vitiriz
Destaca nesta parroquia a igrexa románica de San Vicenzo do século XIV, cun rosetón románico
agnus-dei, e canzorros románicos de moito interese.
As parroquias de Melide do Camiño Primitivo
O Camiño Primitivo, ou Camiño de Ovedo, atravesa o concello de Melide por dúas parroquias: Santa María dos Ánxeles e San Salvador de Abeancos.
Santa María dos Ánxeles
Esta parroquia destaca pola pegada que deixou nela o Camiño de Santiago, o Camiño Primitivo, e polos elementos arquitectónicos e patrimoniais que aínda conserva. Entre eles destacamos os seguintes:
- A Ponte da Mera, consérvanse hoxe uns restos medievais na súa cimentación.
- A igrexa parroquial, que ten un altar barroco de finais do século XVIII.
- A Fonte Santa e un cruceiro que foi trasladado no ano 1840 para o alto do campo. Neste cruceiro pódense apreciar algunhas referencias ás escenas da paixón.
.
San Salvador de Abeancos
A parroquia de San Salvador de Abeancos conta cun castro cuxa muralla foi demolida no ano 1970. Algún anaco da cerámica pertencente a este castro consérvase aínda hoxe no Museo da Terra de Melide.
É San Salvador unha parroquia atravesada polo Camiño Primitivo, na que se atopa un cruceiro nun cruce de camiños cunha derivación a Melide pola Martagona. É preciso destacar a presenza dos seguintes elementos de valor histórico:
- A Ponte da Pedra, que garda restos medievais érguese sobre o río Furelos e fai linde co concello de Toques.
- A igrexa, do século XVIII, está hoxe refeita.
- A aldea de Compostela, aínda que resulte curioso, é unha das poucas con este nome no Camiño de Santiago.