Localización
Nas terras do medio de Galicia sitúase a comarca da Terra de Melide, formada polos concellos de Melide, Santiso, Sobrado e Toques. A cabeceira da comarca, o Concello de Melide, encóntrase a unha altura de 454 metros sobre o nivel do mar, na caída dos montes da Serra do Bocelo. Estes acadan a súa máxima altura no Coto do Pilar, o punto máis alto da provincia da Coruña, con 803 metros de altitude.
Melide asenta o seu núcleo urbano sobre unha extensión chá, e vai estendendo as súas parroquias sen despistar nunca a conca do Ulla, co paso do río Furelos. A superficie do Concello é de 101 quilómetros cadrados, nos que a penas se destacan contrastes orográficos. Ademais, a súa condición de cruce de camiños, entre Santiago, Lalín, A Coruña e Lugo, faino accesible aos centros máis importantes de dinamización socioeconómica do País.
Melide é atravesado por dúas rutas do Camiño de Santiago: o Camiño Primitivo e o Camiño Francés. A súa situación, en pleno centro xeográfico de Galicia, sitúao no eixo da N-547 (Lugo-Santiago) e da AC-840 (Betanzos-Ourense), a uns 54 quilómetros de Santiago, a 52 de Lugo, 75 da Coruña e uns 85 da cidade de Ourense.
A densidade de poboación de Melide
é de 78 habitantes por quilómetro cadrado, que conforma un volume demográfico próximo aos 8 mil habitantes, distribuídos en 26 parroquias.
Con data de maio de 2009 o Concello de Melide conta con
8.090 habitantes.
Mapa parroquial de Melide
Melide asenta o seu núcleo urbano sobre unha extensión chá, e vai estendendo as súas parroquias sen despistar nunca a conca do Ulla, co paso do río Furelos