Concello de Melide

A alcaldesa de Melide, Ánxeles Vázquez, presentou as reunións sobre as SOFOR que organizou o GDR.

07/09/2012

Nesta semana estánse a celebrar reunións informativas organizadas polo Grupo de Desenvolvemento Rural Ulla-Tambre-Mandeo sobre as SOFOR, agrupacións de propietarios de parcelas forestais. A alcaldesa de Melide asistiu á reunión que tivo lugar no local social de Macede para o fomento da creación de Sociedades de Fomento Forestal no territorio. 

 

O acto tivo lugar o 5 de setembro ás 19,30 h das tarde no Local Social de Macede, Concello de Melide, organizado polo GDR Ulla Tambre Mandeo presentado pola alcaldesa de Melide, Ánxeles Vázquez que insistiu na importancia do sector primario e do rural na economía galega para incentivar a creación de novas formulas de xestión do territorio. 

As SOFOR son agrupacións de propietarios de parcelas forestais que, baixo a forma xurídica de sociedades limitadas se dedican a realizar unha xestión colectiva do monte e dos seus aproveitamentos. O obxectivo desta nova figura de ordenación do monte pola que está a apostar a Xunta de Galicia consiste en lograr unha mellor explotación dos recursos e unha maior produtividade nos resultados, en definitiva, fomentar a profesionalización no sector. Isto leva ademáis outros beneficios implícitos derivados de conseguir un monte ordenado, como pode ser  o feito de diminuir o risco de incendios forestais, uniformidade nas plantacións, maior simplicidade, aforro nos traballos silvícolas, un maior control de pragas, entre outros. 

Melide é un dos tres concellos nos que o GDR realiza estas reunións que deron comezo o 4 de setembro no veciño concello de Santiso e continuará ao longo de toda a semana en concellos limítrofes. 

Recordar que todas aquelas persoas interesadas no proceso de formación dunha SOFOR poden achegarse ás dependencias municipais ou poñerse en contacto co GDR xa que o obxectivo é que aumente este tipo de sociedades polos beneficios que reportan na masa forestal, ademáis de dar a coñecer unha figura xurídica que se adapta ás necesidades do territorio. 

xunta de galicia
ministerio de industria, turismo y comercio
feder
deputacion