
Babelia é o campo de traballo que ten lugar este ano en Melide organizado pola dirección xeral de xuventude. É un campo de traballo para mozos e mozas de 18 até 35 anos con inquedanzas culturais diferentes. A interculturalidade e a inmersión lingüística son marcas características deste campo de traballo.
BABELIA é o campo de traballo que este ano se está a desenvolver no campamento xuvenil de furelos do 5 de agosto até o 16. Vinte son as prazas que se ofertaron neste campo de traballo internacional, no que hai participantes de varias nacionalidades.
O campo de traballo é proactivo, é dicir, trátase de que os mozos e mozas participantes elaboren o seu propio material sobre o Camiño de Santiago ao seu paso por Melide e que a partir do mesmo asesoren aos viandantes que pasan pola vila.
Por outra banda, tamén se organizarán dende a propia concellaría de xuventude actividades con asociacións locais para que os participantes poidan desfrutar da cultura tradicional da vila de Melide.
A alcaldesa de Melide, Ánxeles Vázquez ao igual que a concelleira de mocidade, Dalia García, agradecen que a dirección xeral de xuventude pensara en Melide para desenvolver este campo de traballo ao ser un punto estratéxico do Camiño de Santiago onde a interculturalidade é cada vez máis acusada chegando día a día peregrinos de todos os puntos do orbe.