Ayuntamiento de Melide

O SÁBADO, NO EDIFICIO MULTIUSOS

O Multiusos de Melide acolle este sábado o Seminario de percusión para o canto tradicional

22/04/2010

Esta mañá foi presentado en rolda de prensa, á que asistiron a alcaldesa de Melide, Miguel Varela por parte da organización da Foliada, o artista que impartirá o seminario, Pablo Carpintero, e a alcaldesa de Melide, Socorro Cea.

Un dos principais responsables da organización da VI Foliada que esta fin de semana se celebra en Melide, Miguel Varela, da Asociación O Castelo, presentou esta mañá o Seminario de percusión para o canto tradicional como “un dos pratos fortes da Foliada, que se desenvolverá no Multiusos na mañá e na tarde do sábado, e que contará coa presenza do artista Pablo Carpintero”.

O Concello de Melide acolleu esta mañá a rolda de prensa de presentación deste seminario que conta tamén coa colaboración da Asociación de Gaiteiros Galegos. A alcaldesa de Melide, Socorro Cea, que acompañou a Miguel Varela e a Pablo Carpintero, destacou que “con propostas coma este seminario, que enriquecen a programación, estamos máis cerca de converter a Foliada nun referente cultural e musical a nivel de toda Galicia”. Neste sentido, e en relación ás outras actividades que forman parte do programa da Foliada desta fin de semana en Melide, Miguel Varela quixo destacar tamén o Concurso de cantos de taberna, polo que doce grupos folclóricos percorrerán a zona de viños de Melide na mañá do sábado; e a marcha gaiteira, que dará comezo ás 19.30h do sábado.

Máis de vinte inscritos no SeminarioO encargado de dar os detalles da celebración do Seminario foi Pablo Carpintero, un artista con numerosos estudos sobre os instrumentos de percusión tradicionais da música galega. Carpintero referiuse “á importancia da muller como transmisora da cultura musical, e do papel que xogan iniciativas coma este seminario na recuperación dos instrumentos e das prácticas musicais tradicionais, que historicamente legaron as mulleres a través do canto e do baile”.

O Seminario de percusión para canto tradicional desenvolverase o sábado no Multiusos. Pola mañá, dende as 11 horas, Pablo Carpintero ofrecerá un relatorio sobre a historia e a iconografía dos instrumentos tradicionais galegos, e da tradición musicada que foi transmitida polas mulleres de xeración en xeración. Pola tarde, ás 17 horas, o seminario celebrará a parte práctica, coa intervención de Marita Guiadáns, que tratará de ensinar como se manexan estes instrumentos.

Nestes momentos hai xa vinte persoas inscritas para participar neste seminario, pero aínda é posible solicitar a inscrición a través da Asociación de Gaiteiros Galegos.

xunta de galicia
ministerio de industria, turismo y comercio
feder
deputacion