REUNIRANSE NO EDIFICIO MULTIUSOS
Melide dá os primeiros pasos para ter unha Escola de pais e nais
10/03/2010
Membros das ANPAS dos tres colexios de Melide reuníronse coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega, que impulsa esta iniciativa. A alcaldesa, Socorro Cea, e a concelleira de Cultura, Conchi Castro, participaron neste acto, promovido polo Concello para mellorar a calidade da educación.
A Asociación Socio-Pedagóxica Galega contempla entra as súas actividades a mellora da formación de pais e nais, que teñen a tarefa de educar aos seus fillos e fillas.
O equipo de goberno trasladou hai meses á AS-PG o seu interese na creación dunha “Escola de pais e nais” en Melide. Con tal motivo, onte tivo lugar a primeira xuntanza con representantes dos tres colexios de Educación Infantil e Primaria da vila. A este encontro asistiron a alcaldesa de Melide, Socorro Cea, e a concelleira de Cultura, Conchi Castro, acompañadas dunha representante da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), co fin de botar a andar este proxecto.
Por parte dos representantes dos pais e nais de Melide, asistiron varios membros das distintas ANPAS, que apoiaron totalmente a creación desta iniciativa, como un moi bo reforzo ao seu papel natural como educadores. A chamada “Escola de pais e nais” de Melide marcouse xa como primeiro obxectivo desenvolver unha serie de cinco encontros para tratar os temas que habitualmente máis preocupan ás familias á hora de educar aos seus fillos. As xuntanzas, dirixidas por expertos en cada materia, celebraranse no Edificio Multiusos de Melide e tratarán, por exemplo, do bo uso que debe darse ás novas tecnoloxías (internet, redes sociais); como previr e afrontar o fracaso escolar; o mundo das emocións e a educación afectivo-sexual; o papel da familia no consumo de drogas; a autoridade na familia ou a violencia nas aulas. Por acordo de todos os asistentes, os encontros celebraranse todos os martes ás 20.30h para facilitar as asistencia do maior número posible de pais e nais.
Dende o Concello, a alcaldesa Socorro Cea amosouse “moi ilusionada co nacemento deste proxecto, pois calquera colaboración coa que poidamos contar os pais e nais para a mellor formación dos nosos fillos contribuirá tamén a termos unha sociedade mellor”.