PRESENTOUSE NO CENTRO DE INFORMACIÓN Á MULLER
O Concello de Melide homenaxea ás mulleres do seu rueiro cunha edición de trípticos
09/03/2010
Socorro Cea, e a concelleira de Igualdade, Casé Rodríguez, ofreceron unha rolda de prensa no Centro de Información á Muller para presentar os trípticos e tamén uns marcapáxinas sobre mulleres ilustres galegas que dan nome a rúas de Melide. O material distribuirase entre os centros educativos de Melide, e tamén á veciñanza das rúas ás que dan nome.
No pleno do 6 de agosto de 2008 o equipo de goberno de Melide incluíu o nome de sete mulleres galegas ilustres no rueiro da vila.
Xa naquel momento, o Concello iniciara unha campaña nalgunha destas rúas máis importantes para dar a coñecer a vida e obra das mulleres que pasaran a formar parte do rueiro. Agora, e con motivo das actividades programadas co gallo do Día da Muller, a concellaría de Benestar e Igualdade vén de editar unha tirada de trípticos sobre estas figuras femininas, ás que se suma ademais unha tirada de marcapáxinas conmemorativos destas mulleres.
A alcaldesa de Melide, Socorro Cea, explicou que “como administración pública temos a obriga de facer o posible para que os nomes destas mulleres insignes que dan nome ás nosas rúas estean na memoria e no corazón da veciñanza, pois o seu papel, por unhas razóns ou outras, foi fundamental na cultura e sociedade galegas”.
Nesta edición elaboráronse doce trípticos monográficos, que teñen por protagonistas a Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal, Francisca Herrera, Clara Campoamor, María Barbeito, Maruxa Mallo, María Casares, Filomena Dato, Olimpia Valencia, Inés de Castro e Sofía Casanova.
Socorro Cea destacou “a intención do Concello de Melide de sacar adiante esta iniciativa con motivo do 8 de marzo, xa que moitas destas mulleres foron determinantes na independencia feminina, como é caso de Clara Campoamor, impulsora do dereito das mulleres ao voto, ou Francisca Herrera, primeira muller que formou parte da Real Academia Galega”.
A concelleira de Benestar, Casé Rodríguez, informou de que este material será difundido entre os centros educativos de Melide, a través dos seus titores, ademais de ser remitido a cada domicilio nas rúas que leven o nome da muller homenaxeada. Ademais, tanto os trípticos coma os marcapáxinas estarán a disposición de quen o desexe na biblioteca municipal de Melide.
O contido dos trítpicos recolle tanto aspectos da vida persoal como da vida profesional destas doce figuras da sociedade e da cultura galegas. En palabras de Socorro Cea, “cremos que é unha boa iniciativa para dalas a coñecer, e seguiremos potenciando a divulgación destas figuras destacadas da nosa historia”.
Ademais da edición deste material, a concelleira Casé Rodríguez lembrou que seguen en marcha moitas actividades organizadas polo Concello con motivo do 8 de marzo. Entre elas destacou a exposición de pintura feita por catorce mulleres (e dous homes), que pode verse na Sala de Exposicións do Concello; o curso de cociña para nenos, que dará comezo esta tarde nas dependencias do Concello, ou o curso de cociña para homes adultos, que conta xa con dúas quendas debido á elevada demanda de participación.