
PENDENTES DE LICITACIÓN
O Concello de Melide presentou ao abeiro do Fondo Estatal para o Emprego e a Sustentabilidade Local –coñecido como segundo Plan E-, oito proxectos cos que o Concello mellorará ostensiblemente distintas infraestruturas municipais, tanto na vila de Melide como nalgunhas parroquias.
En total, Melide investirá 854.157 euros a través dos proxectos que xa foron aprobados polo Ministerio na súa totalidade o pasado día 3, e que están agora só pendentes de licitación para poder comezaren as obras.
O proxecto de maior peso económico é o que suporá a mellora integral da área recreativa de Furelos, e que repercutirá tanto no saneamento sobre a canle do río como na importante mellora que se realizará nas zonas verdes. O investimento en Furelos será de 300.000 euros.
Nos demais proxectos o Concello incluíu actuacións moi diversas que atinxen tanto á vila como ás parroquias. No centro de Melide aprobouse a mellora do alumeado na Avenida de Toques e Friol, por un importe superior aos 80.500 euros; así como a instalación de contedores soterrados na Praza das Universidades cun investimento de 62.000 euros. A nivel de mellora viaria, o Concello executará tamén melloras nas rúas Campos, Camiño Real, Crego Xosé Manuel Rodríguez Pampín e Porto Rico, que inclúe tamén dotar a esas rúas de canalización para augas pluviais, por un importe de 95.000 euros.
En canto a infraestrutura deportiva –que xa no primeiro plan E se vira reforzada coa creación das pistas de pádel e dunha pista de multixogo-, nesta ocasión o Concello mellorará as pistas deportivas e exteriores dos colexios de Melide, e tamén a pista de tenis que se atopa a carón da piscina municipal, grazas á aprobación do proxecto que conta cun presuposto de 145.000 euros.
Actuacións nas parroquias
Como actuacións prioritarias nas parroquias, o equipo de goberno de Melide escolleu a mellora dos locais sociais de Piñor, O Leboreiro e Furelos –nos que se investirán máis de 31.000 euros-, e a acometida de obras de saneamento nunha zona das Cazallas e na parroquia de Folladela, no lugar das Figueiras, onde se desenvolverá un proxecto de canalización de alcantarillado para recoller as augas residuais, dado que neste lugar adoitan rexistrar moitos problemas coas enchentes. Nestes proxectos de saneamento investiranse 62.000 euros.
Tamén en materia de saneamento, no lugar do Ribeiro (parroquia dos Ánxeles), acometerase un proxecto de saneamento e de mellora da seguridade vial, que ten un presuposto de 78.000 euros.
Aprobados todos os proxectos polo Ministerio de Administracións Públicas, o Concello de Melide procederá nos vindeiros días a licitar as obras, para que poidan dar comezo o antes posible.