Concello de Melide

NOVA SOLICITUDE DE ENTREVISTA Á CONSELLEIRA DE TRABALLO E BENESTAR

O Concello de Melide agarda que o Consorcio habilite en breve novas prazas no Fogar Residencial

08/03/2010
A alcaldesa, Socorro Cea, reuniuse esta semana co xerente do Consorcio para interesarse polos prazos para a dotación de equipamento, que permitan reducir a lista de agarda de 22 persoas que ten agora mesmo o Fogar Residencial. O xerente dixo á alcaldesa non poder confirmar se neste ano 2010 se poden atender as súas demandas.

A alcaldesa de Melide, Socorro Cea, e a concelleira de Benestar e Igualdade, Casé Rodríguez, reuníronse esta semana co xerente do Consorcio Galego de Servizos Sociais, Roberto Rodríguez, para interesarse por dous proxectos fundamentais do ámbito social para Melide: a construción da Galescola e a dotación de equipamento do Fogar Residencial, inaugurado no pasado mes de setembro.

Nestes momentos, o Fogar Residencial conta cunha lista de espera de vinte e dúas persoas, motivo polo cal a alcaldesa lle trasladou a súa preocupación pola urxente dotación de equipamento que faga posible habilitar novas prazas. Nesta instalación, a día de hoxe é preciso instalar só as camas, así como poñer en funcionamento o ascensor, para que todas as persoas poidan acceder ao piso superior.

En relación a esta demanda, o xerente do Consorcio manifestou á rexedora que o Consorcio non soe xestionar grandes residencias de máis de 24 prazas, polo que, no caso concreto de Melide debería ser valorado pola propia Xunta de Galicia.

Por tal motivo, a rexedora municipal acaba de solicitar por escrito, por terceira vez, unha xuntanza coa conselleira de Benestar, Beatriz Mato, para clarexar esta cuestión de grande importancia para o goberno local.

Pendentes da Galescola

Outro dos asuntos tratados nesta reunión entre Roberto Rodríguez e Socorro Cea foi a construción da Galescola, para a que xa cederon os terreos no ano 2008.

A rexedora melidense trasladoulle ao xerente a importancia de que Melide conte en breve coa Galescola, posto que nestes momentos a escola infantil municipal acadou un número histórico de matrículas, con 91 alumnos inscritos, e con varios en lista de espera. A este respecto, o responsable do Consorcio afirmou non poder confirmar, de momento, se neste ano 2010 poderán dar comezo as obras ou non. Pediu agardar ao mes de abril para poder falar de prazos seguros.

O Concello de Melide agarda contar coa colaboración da Xunta de Galicia para poñer en marcha estes importantes servizos, para os que cedeu terreos e o inmoble co obxectivo de beneficiar así á poboación melidense.

xunta de galicia
ministerio de industria, turismo y comercio
feder
deputacion