Concello de Melide

MELLORA DA SEGURIDADE VIAL

O Concello reordena o tráfico nas rúas próximas á Avenida de Toques e Friol

05/02/2010
Este venres comezou a funcionar o cambio de dirección en tres rúas, establecendo sentidos únicos en rúas paralelas e aproveitando novas prazas de aparcamento.

A Concellaría de Tráfico que dirixe o socialista Manuel Prado puxo en funcionamento dende este venres varios cambios na dirección de circulación en tres rúas que conflúen na avenida de Toques e Friol. En concreto, estas modificacións suporán a incorporación das rúas Florentino Cuevillas e Taboada Roca como vieiros de sentido único, unha en dirección norte e outra sur, para axilizar o tráfico que dende a praza das Universidades se incorpora á avenida de Toques e Friol.
A rúa


Antón Fraguas pasa tamén agora a ser de sentido único, en dirección a Florentino Cuevillas. Ademais, ao aproveitar eses novos aparcamentos, agora aos dous lados da rúa, o
Concello puido converter en vía de sentido único a rúa Álvarez Carballido, que ata este momento era de dobre sentido e na que estaba prohibido aparcar. Malia esta situación, nesta rúa rexistrábanse moitos problemas para o paso de dous coches en sentido contrario, que agora quedan solucionados.

O concelleiro Manuel Prado destacou que “nesta zona, debido a que sempre se ocupan os laterais con vehículos aparcados, facíase moi perigoso o paso de dous coches en sentido contrario, polo que se optou por mellorar as dúas funcións: por un lado establecer o paso do tráfico en cada unha das rúas nun sentido, e por outro pintar novamente as zonas autorizadas para o aparcamento”.

Durante esta semana, os axentes da Policía Local realizaron distintos traballos de pintado para as zonas que agora serán empregadas unicamente como zonas de aparcamento, que se multiplican ao dispoñer a dirección do tráfico nun só sentido.

Segundo o edil socialista, “esta zona tiña dobres direccións en todas as rúas, a pesar de seren viarios moi estreitos, que contaban ademais cunha marxe de aparcamento”. Con esta nova planificación do tráfico, que entrará en vigor no mediodía deste venres, acádase un tránsito ordenado, cuadriculado e gáñase espazo tanto para a circulación como para o estacionamento. O concelleiro destacou ademais que todos estes cambios contan cos informes favorables da Policía Local, que recomendaban levar a cabo estas modificacións nos sentidos da marcha para facilitar a circulación do tráfico.

xunta de galicia
ministerio de industria, turismo y comercio
feder
deputacion