Concello de Melide

O LUNS 18 COMEZOU O APAGÓN ANALÓXICO E O ACENDIDO DIXITAL

O Concello informa aos veciños de Melide da cobertura da TDT na zona

19/01/2010
O  goberno local remitiu cartas a todos os veciños dos núcleos de poboación nos que a Xunta considera que pode haber problemas para a correcta recepción da TDT. Segundo a Xunta, serían 14 aldeas do Concello, nas que viven 153 melidenses. Ademais, ata o 3 de abril segue aberto o prazo para que as persoas maiores ou con dependencia soliciten gratuítamente receptores de TDT no Centro Social.
No día de onte, o Concello de Melide recibiu unha comunicación da Xunta na que se relacionan os núcleos do concello nos que podería haber problemas para a correcta recepción da televisión dixital terrestre. Segundo se afirma na carta da Secretaría Xeral de Medios, as persoas que teñan problemas para recibir un sinal de calidade teñen dereito a que un instalador autorizado lles habilite unha antena de satélite para garantir a cobertura, dado que a TDT é un servizo universal ao que deben ter dereito todos os cidadáns.

Ante esta información, o Concello de Melide quixo comunicarse cos veciños e veciñas que viven nas catorce aldeas nas que a Xunta ten encontrado algún problema para garantir unha correcta recepción da sinal. Trátase de aldeas das parroquias de San Cosme, San Salvador, Agrón, Folladela, Golán e Zas de Rei, nas que se contabilizaron un total de 153 veciños empadroados.

Xunto con esta comunicación, o Concello tamén facilitou aos veciños, por vía postal, unha listaxe na que se recollen os nomes e teléfonos de contacto dos instaladores autorizados pola Xunta, aos que os veciños poden dirixirse se comproban que teñen problemas para a recepción da sinal dixital.

TDT para a poboación maior ou en risco de exclusión socialPor outra parte, o Concello de Melide, a través da Concellaría de Igualdade e Benestar que dirixe Casé Rodríguez, mantén aberto ata o 3 de abril o prazo para que as persoas maiores e con problemas de dependencia poidan solicitar de xeito gratuíto un receptor de TDT a través do Centro Social. 

Como xa se fixo na primeira campaña, a iniciativa ten por finalidade que as persoas que teñen un máis difícil acceso ao ámbito das comunicacións, non se queden fóra da recepción da TDT. Para iso os solicitantes deberán reunir unha das tres características seguintes: maiores de 80 anos que vivan sos, maiores de 65 anos con grao de dependencia recoñecido de nivel I ou II, ou con minusvalía auditiva ou visual superior ao 33%. As persoas que reúnan algunha destas tres características e estean interesadas en recibir un TDT, deben facelo constar no Centro Social antes do 3 de abril, data na que os Servizos Sociais priorizarán os casos de maior urxencia.
xunta de galicia
ministerio de industria, turismo y comercio
feder
deputacion