XUVENÍS, MANGA E CLÁSICOS
Melide adquire unha colección de 500 comics para a súa biblioteca
13/11/2009
Os títulos van dende os dirixidos a público infantil, a grandes heroes, clásicos e manga. A biblioteca Xosé Vázquez Pintor está a traballar na súa catalogación para que poidan ser incluídos no servizo de préstamo a domicilio.
A biblioteca municipal de Melide, Xosé Vázquez Pintor, ten estes días un novo reclamo para todos os seus usuarios. Trátase dunha nova colección de cómic e banda deseñada que o Concello vén de adquirir para crear unha sección dedicada a este tipo de literatura que cada vez ten máis arraigo, tanto entre o público infantil e xuvenil como entre os lectores adultos.
A colección, que xa pode consultarse na biblioteca municipal, está formada por cincocentos títulos, principalmente xuvenís, pero tamén se atopan títulos de referencia da banda deseñada, como Animal man ou El último hombre. A literatura manga ten o seu espazo nesta colección a través de títulos como La espada del inmortal ou Evangelium, que constitúen volumes de referencia deste tipo de literatura. Ademais, tamén podemos divertirnos coas historias máis clásicas e entrañables de Mafalda ou Homer Simpsom, ou coas aventuras dos grandes heroes de todos os tempos, nas versións máis cobizadas, como é o caso de Superman Rojo, Batman Año I ou Blake y Mortimar.
A concelleira de Cultura, Conchi Castro, destacou que “a adquisición desta colección de cómic e banda deseñada diversifica a oferta cultural da biblioteca, e abre novas posibilidades para os amantes deste tipo de literatura, que cada vez atopan máis títulos na biblioteca. O persoal técnico da biblioteca está a traballar na catalogación destes cincocentos volumes para que nos vindeiros días poidan formar parte das coleccións que é posible consultar a través de préstamo domiciliario.