
A ALCALDESA SOLICITOU POR ESCRITO O DÍA 13 A RECUPERACIÓN DO PROXECTO INICIADO POLA VICEPRESIDENCIA
A alcaldesa de Melide, Socorro Cea, remitiu o pasado 13 de agosto unha carta ao Xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar transmitíndolle a súa preocupación polo actual estancamento do proxecto da galescola, que xa conta con licenza municipal de obra dende o 17 de abril deste ano.
Previamente, o Consorcio presentara no Concello o proxecto da galescola, pero para que esta poida converterse nunha realidade é preciso que o ente autonómico realice o pagamento de distintas taxas administrativas que aínda están pendentes. Interesándose por este trámite, a alcaldesa comunicouse esta mesma semana co Consorcio, transmitíndolle ademais a importancia de que a galescola abra as súas portas en Melide o antes posible, “xa que nestes momentos Melide conta cunha única escola infantil que o ano pasado rexistrou lista de agarda”.
A galescola de Melide é unha das quince incluídas no convenio que a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar asinara en decembro de 2008 co Ministerio de Educación, para desenvolver a rede de galescolas. O propio Consorcio datou para o ano 2009 a posta en funcionamento deste novo servizo de atención á infancia para Melide. Dende o Concello de Melide, a alcaldesa amouse “esperanzada en que o Consorcio saque adiante este proxecto tan importante para a conciliación familiar de tantas familias de Melide, e por fin desbloquee o seu estancamento para que poñela en marcha o antes posible”.