
SAÍDA ÁS 11 DA MAÑÁ NO CANTÓN DE SAN ROQUE
O Concello organiza o sábado 15 a I Marcha Cicloturista que con motivo das festas percorrerá as rúas máis céntricas de Melide. Todos os participantes na Marcha participarán no sorteo de dous maillots do equipo galego de ciclismo e unha bicicleta.
A semana de festas que este sábado comeza en Melide inclúe no seu cartel moito máis ca noites de verbena coas mellores orquestras de Galicia. O departamento de Deportes do Concello de Melide, que dirixe Antonio Varela, avanzou que “queremos que estas festas sexan tamén “unha oportunidade para apoiar o deporte feito en Melide, nas distintas modalidades”.
Así, a primeira cita co ámbito deportivo, enmarcada no cartel das festas será xa o sábado, 15 de agosto, cando ás 11 da mañá tome a saída a I Marcha Cicloturista de San Roque. Trátase dunha iniciativa que, segundo o concelleiro nacionalista, “quere animar a todos os melidenses e á xente que estará en Melide nestes días a subirse á bicicleta sen ánimo de competición, paseando pola vila e formando un pelotón como parte das festas”.
A I Marcha pretende recuperar a tradición do ciclismo no concello de Melide, que noutro tempo estivo moi arraigada. Por iso, para a súa organización, o Concello conta coa colaboración do Club Ciclista Melidense, e tamén das dúas principais casas de venda de bicicletas –Leiva e Rúa-, que participarán coa achega de produtos para os ciclistas. A saída deste paseo en bicicleta está prevista para as 11 da mañá do sábado 15. Todas as persoas que desexen participar deberán achegarse dende as dez ao Cantón de San Roque, que será saída e meta da marcha. O itinerario percorrerá as principais rúas de Melide, pasando pola rúa Galicia, Multiusos, zona do pavillón polideportivo, Camiño de Santiago, Campo da feira, Campo Grande, Ronda de Pontevedra, Progreso, Sabián, Praza do Convento e meta novamente no Cantón de San Roque.
O concelleiro de Deportes referiuse a esta como “unha actividade para todas as idades, na que non importa a calidade das bicicletas nin os equipamentos, senón as ganas de facer deporte conxuntamente nun día de festa”. Todos os participantes, grandes e pequenos, participarán no sorteo de dous maillots do equipo galego de ciclismo Xacobeo Galicia, así como de unha bicicleta. Ademais do ciclismo, o sábado 15 será tamén o día do fútbol sala. Ás 20 horas, o pavillón municipal que estes días se ateiga co tradicional Campionato de Verán de fútbol sala, acollerá un encontro desta modalidade entre o Melide Fútbol Sala e o Azkar de Lugo, que compite na liga nacional A.