Concello de Melide

FALLO DO CERTAME DE CREACIÓN LITERARIA

Santiago Jaureguízar gaña o VIII Certame de Creación Literaria Terra de Melide

07/06/2008

O sábado ás 19 horas tivo lugar, na Casa do Concello de Melide, o acto oficial do fallo do xurado.

Todos os días 7 de xuño teñen un Melide un marcado carácter cultural dende que un 7 de xuño, de 1933, a editorial Nós sacase á luz o libro Terra de Melide, aínda hoxe considerado unha xoia da etnografía desta comarca do interior de Galiza. Ao fío desta simbólica data, o Concello de Melide falla cada ano o Certame de Creación Literaria Terra de Melide, que este ano chega á súa oitava edición.

O xurado deste prestixioso certame decidiu premiar este ano a obra de Santiago Jaureguizar, un autor de longa traxectoria e gañador do Premio Xerais 2003 ou do Premio Fundación Caixa Galicia 2006, entre outros.

A obra gañadora do VIII Certame de Creación Literaria Terra de Melide titúlase O globo de Shakespeare, e está dotado cunha contía económica de 6.000 euros. O xurado deste certame está presidido pola alcaldesa de Melide, Socorro Cea, e integrado polo director de Edicións Xerais, Manuel Bragado; o presidente da Asociación de Libreiros de Santiago, Antón Pedreira; o gañador da pasada edición, Xesús Manuel Marcos; o xornalista Óscar Sánchez e o técnico de normalización lingüística do Concello de Melide, Xaquín Vázquez.

Este sábado, o xurado do VIII Certame de Creación Literaria Terra de Melide dará a coñecer oficialmente o nome do gañador, nun acto público previsto para as 19.00 horas no salón de plenos da Casa do Concello.

Este acto poñerá o broche de ouro a unha xornada moi especial a nivel cultural en Melide, xa que durante a mañá terán lugar os actos de homenaxe a Xosé Vázquez Pintor, que organiza a Asociación de Escritores en Lingua Galega, como Homenaxe ao escritor na súa terra. Estes actos darán comezo ás 11.30 horas, cando o propio autor melidense plantará un buxo e descubrirá un monolito no que se gravou un poema evocado nas terras e nas xentes de Melide. Posteriormente, ás 12.30h, Vázquez Pintor protagonizará na Biblioteca Municipal o acto polo cal esta infraestrutura recibirá o seu nome e pasará a chamarse “Bilblioteca Municipal Xosé Vázquez Pintor”.

Os actos da AELG rematarán no salón de Plenos da Casa do Concello, onde se lle fará entrega da simbólica “E”, que o acredita como escritor do ano. Todas as persoas que queiran acompañar a Vázquez Pintor neste día da súa homenaxe, teñen a ocasión posteriormente de compartir un xantar de confraternidade que se desenvolverá en Melide.

Unha traxectoria chea de premios

A traxectoria de Jaureguizar volve recalar así en terras galegas, aínda que o autor naceu en Bilbao no ano 1965. Do seu puño saíron antes desta novela inédita outros quince libros que xa ten publicados, entre os que cómpre salientar Breve crónica universal da clase obreira (Premio Lueiro Rey 2001), Casa Skylab (Premio Xerais 2003), e Cabaret Voltaire (Premio García Barros 2005). Santiago Jaureguizar é tamén autor do volume de contos Fridom spik, e de novelas para rapaces, como A cova das vacas mortas, que no ano 2006 foi galardoada co Premio Fundación Caixa Galicia.

Na actualidade, e sen deixar de lado a creación literaria, o gañador do Terra de Melide ten na rede un punto de encontro a través do seu blog sobre literatura galega e europea (cabaretvoltaire.canalblog.com)

O globo de Shakespeare comeza a súa trama a partir do descubrimento do manuscrito do primeiro “Hamlet”, atopado nun histórico pazo de Ribadeo.

xunta de galicia
ministerio de industria, turismo y comercio
feder
deputacion