ESTA FIN DE SEMANA
O Concello de Melide organiza unhas xornadas de portas abertas na Casa da Cultura
24/03/2009
O equipo de goberno quere que toda a veciñanza poida comprobar o estado actual desta infraestrutura, paralizada dende o ano 2006 e na que agora se retomarán as obras. Será preciso un investimento de case 2 millóns de euros para rematar este inmoble que está totalmente baleiro no seu interior.
A Casa da Cultura de Melide é o proxecto de maior custo económico ao que se enfronta o actual equipo de goberno de Melide. Trala demolición da antiga Casa da Cultura no ano 2003, o Concello de Melide, daquelas gobernado polo Partido Popular, investiu preto dun millón de euros en edificar o que esta fin de semana todos os melidenses terán a ocasión de ver de primeira man. A realidade actual da Casa da Cultura é unha gran mole rematada no seu exterior mais totalmente baleira de portas para dentro.
O actual equipo de goberno do Concello de Melide reiniciará nos vindeiros días os traballos para poñer en funcionamento unha infraestrutura que dote a Melide dun espazo para a cultura e para a diversa programación cultural para a que ata o momento non hai espazo na vila. Estas primeiras obras de acondicionamento da Casa da Cultura comezaran este mes de abril, e serán executadas grazas a un investimento de 315.000 euros achegados pola Deputación da Coruña.
Sábado e domingo: xornadas de portas abertas
Para que toda a veciñanza coñeza de primeira man a realidade actual da Casa da Cultura, e o destino do millón de euros que se leva investido na ampliación e adecuación externa do inmoble, o Concello organiza para esta fin de semana dúas xornadas de portas abertas. Todas as persoas que queiran coñecer o interior da Casa da Cultura, poderán facelo o sábado 28 e o domingo 29 en horario de 11 a 13 horas pola mañá e de 18 a 20 horas pola tarde. Segundo palabras da alcaldesa, Socorro Cea, “este é un dos proxectos que leva absorbido máis presuposto das arcas municipais, e queremos que todos os veciños e veciñas teñan a oportunidade de ver en que se investiron os seus cartos e que coñezan a instalación antes de que se retomen as obras”. A rexedora melidense fixo fincapé en que, segundo os estudos técnicos, aínda serán precisos “case dous millóns de euros máis para rematar unha Casa da Cultura que foi deseñada en incoherencia coas necesidades deste pobo, e a costa da demolición dun edifico fermoso que cubría sobradamente as demandas infraestruturais do concello de Melide”.
Melide destinará este ano preto dun millón de euros a esta obra
O Concello de Melide priorizou a Casa da Cultura nos plans de apoio económico da Deputación da Coruña e tamén do Estado. Así, os 315.000 primeiros euros que se investirán nesta infraestrutura serán os achegados pola Deputación para a adecuación de toda a zona da entrada como sala de exposicións. Este achega farase realidade trala recente aprobación do proxecto, que xa fora remitido polo anterior goberno local pero que o ente provincial non aprobou debido ás múltiples deficiencias que presentaba.
A outra inxección presupostaria que mudará nos vindeiros meses a cara da Casa da Cultura realizarase ao abeiro do Fondo Estatal de Investimento Local, e ascenderá a 600.000 euros, o 42% do presuposto que Melide recibe do Estado neste programa de apoio aos concellos.